Mario Kart supera en vendas a GT5 Prologue no Reino Unido

martes, 15 de abril do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 48.9 KB
O divertido xogo de carreiras de Mario supera en vendas ao realista GT5 Prologue

O pasado venres púxose a venda en España o xogo Mario Kart para Nintendo Wii, polo que aínda non coñecemos a resposta do público ante este novo título, pero todo apunta a que será moi boa en toda Europa se atendemos aos datos de vendas no Reino Unido, onde a semana pasada o novo título de Mario dominou as listaxes de vendas superando a Gran Turismo 5 Prologue, polo que o realismo do xogo de coches para PlayStation 3 non sería capaz de superar á diversión en bruto de Mario Kart. Tamén podemos destacar que dos 10 xogos máis vendidos no Reino Unido, 6 corresponden á Wii e 2 a DS, colando a PS3 e a Xbox 360 só un xogo cada unha.
En España só temos polo momento os resultados de vendas do mes pasado, polo que o Gran Turismo 5 Prologue lidera as vendas seguido curiosamente polo Pro Evolution Soccer 2008 para PSP (que sorprende pois a consola portátil de Sony ten problemas para acadar boas vendas) e Mario & Sonic en los Juegos Olímpicos para DS, consola que ten 2 xogos máis no Top 10, polo que sería a plataforma líder en España. Podemos destacar que FIFA 08 para PS2 está na 4ª posición de marzo, confirmando que a PlayStation 2 se resiste a deixar o mercado español, mentres que a Wii aínda ten pouca presenza (con só 2 xogos na listaxe, o que podería estar debido ás poucas unidades da consolas de Nintendo postas á venda dentro das nosas fronteiras). Por último, indicar que tamén resultou destacable que un xogo para PC fose o 8º máis vendido en marzo (Los Sims 2 y sus hobbies).

PUBLICIDADE