Ghost of Tsushima chegará a PC en maio
mércores, 6 de marzo do 2024
O galardoado e admirado xogo Ghost of Tsushima, desenvolvido por Sucker Punch para consolas PlayStation, está a pasar polas mans de Nixxes Software para dar o salto a PC o vindeiro 16 de maio, estando xa dispoñible en reserva en Steam e na tenda de Epic Games a un prezo de 59,99 euros.
A versión para PC corresponde ao Director’s Cut do xogo, ou sexa, que aparte do título completo, tamén inclúe a expansión Iki Island e o modo multixogador cooperativo en liña Lendas. Os amantes do cine xaponés clásico tamén poderán activar o Modo Kurosawa, xogando así en branco e negro, con diálogos en xaponés e subtítulos en inglés.
A nova versión de Ghost of Tsushima chegará coa taxe de fotogramas desbloqueada, contará con numerosos axustes, poderá controlarse con rato e teclado e, como vén a ser habitual neste tipo de conversións, facilitará o seu funcionamento en formatos ultrapanorámicos, de xeito que funcionará optimamente en pantallas con proporcións 21:9 e 32:9, admitindo incluso 48:9 (para configuracións de 3 monitores).
Tamén será posible empregar o mando PlayStation DualSense para gozar da tecnoloxía háptica e os gatillos adaptativos, que serven para transmitir a tensión ao disparar co arco e os golpes da espada.
As compras anticipadas recibirán como bonificación contidos adicionais (o cabalo de nova partida +, a indumentaria de viaxeiro e tintes de armadura rota da tenda de Baku).
Tráiler de Ghost of Tsushim Director’s Cut para PC