Abril será o mes de lanzamento de TopSpin 2K25

martes, 12 de marzo do 2024 Marcus Fernández

En xaneiro adiantaron que a saga de xogos Top Spin preparaba o seu regreso, e finalmente confirman que TopSpin 2K25 verá a luz o vindeiro 26 de abril con versións para PS4, PS5, Xbox One, Xbox Series X|S e PC (Steam) coas estrelas Roger Federer e Serena Williams na portada das edicións estándar e Grand Slam, mentres que a portada da edición Deluxe estará protagonizada por estrelas actuais: Carlos Alcaraz, Iga Świątek e Francis Tiafoe.
O xogo de tenis contará cun cadro de máis de 24 xogadores profesionais, empregará a voz de Joh McEnroe no centro de adestramento, terá modo competitivo para un xogador e modos multixogador, incluirá os 4 torneos Grand Slam históricos e moitos máis, para que os seareiros deste tipo de xogos acollan cos brazos abertos o regreso dunha marca que levaba 13 anos apartada das consolas de videoxogos.
TopSpin 2K25 pode reservarse nas súas distintas edicións, incluíndo contidos adicionais pola compra anticipada e no caso das edicións Deluxe e Grand Slam incluiría a posibilidade de gozar do xogo dende o 23 de abril, ou sexa, 3 días de acceso anticipado.

Carlos Alcaraz será unha estrelas actuais do xogo

Tráiler de presentación de TopSpin 2K25