Trasno organiza este mes na Coruña a súa festa dos localizadores ao galego de software libre

venres, 11 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

O Proxecto Trasno, comunidade galega sen que a non serían posíbeis logros como a adaptación ao noso idioma de Inkscape, o xogo A batalla por Wesnoth, o navegador Chrome OS ou a distribución Ubuntu (entre outras moitas achegas), vai organizar este mes unha nova edición da súa xuntanza-festa da localización, un evento ao que estamos todas/os convidadas/os, que xa vai pola súa cuarta convocatoria e que se celebra este ano (logo das estadías en Ordes, Ourense e Vigo) no Centro Ágora da Coruña, os días 18 e 26 de maio. A Trasnada 12.0, xuntanza na que se dá cita unha boa parte da cosa comunidade de usuarios-tradutores de software libre, servirá entre outras cousas para fixar terminoloxía e exporlle ao público o importante traballo desenvolvido por Trasno.
Como novidade nesta nova edición, informan os integrantes da comunidade, o evento artéllase en dúas xeiras, a segunda (a do 26 de maio) convocada co obxectivo concreto de informar polo miúdo das vantaxes e procedementos básicos da localización ao noso idioma de software aberto, facilitar a súa aprendizaxe e incorporación ao Proxecto.
Segundo informan os membros de Trasno, unha trasnada é algo máis que un punto de encontro para as persoas que traballan ao abeiro do Proxecto, aínda que tamén é iso. En boa medida, organízase como unha sesión de traballo para acadar acordos (importantes de cara a lograr a meirande uniformidade nas tarefas, evitar duplicidades, lograr a maior comunicación posíbel entre os integrantes) e planificar o futuro.
Coma noutras ocasións”, contan, “e buscando producir traducións de calidade, o tema do debate, o miolo do mesmo, será a terminoloxía no eido da tradución”. A maiores, a Trasnada 12.0 fará de elemento visibilizador do proxecto, que amosará tódolos elos da súa cadea e os seus procesos, constituíndose a cita como unha porta de entrada e de aprendizaxe para tódalas persoas que queiran subirse ao carro da localización. Por certo que o evento poderase seguir a través da Rede. Así, os membros da asociación terán a oportunidade de participar na cita polas canles IRC do proxecto. As novas que se vaian producindo iranse subindo aos nosos perfís nas redes sociais (véxase a sección de chíos no web). A continuación damos conta do programa de actividades, punto por punto.

Programa das xornadas
Venres 18 de maio
1. Sesión de tarde:
Destinada a: persoas interesadas na localización e público xeral
Lugar: Aula 9, Centro Ágora
19:00 Que é o Proxecto Trasno? Que é a localización?
21:00 Peche da sesión
Sábado 26 de maio
1. Sesión de mañá:
Espazo 1
Destinada a: persoas interesadas na localización
Lugar: Sala informática, Centro Ágora
10:00 Apertura da xornada
10:15 Inicio da discusión de terminoloxía
13:00 Asemblea Xeral Ordinaria da AC Proxecto Trasno
14:00 Descanso para xantar
Espazo 2
Destinada a: persoas interesadas na localización e público xeral
Lugar: Aula 9, Centro Ágora
10:30 "Introdución á localización de software libre"
11:30 Obradoiro práctico de localización
13:30 Entrega de agasallos para os asistentes.
14:00 Descanso para xantar
2. Sesión de tarde
Espazo 1
Destinada a: tradutores e interesados na terminoloxía informática
Lugar: Sala informática, Centro Ágora
16.00 Sesión de terminoloxía (continuación)
20:00 Peche da sesión
Espazo 2
Destinada a: persoas interesadas na localización e público xeral
Lugar: Aula 9, Centro Ágora
16:30 "Introdución á localización de software libre"
17:30 Obradoiro práctico de localización
19:30 Entrega de agasallos para os asistentes.
20:00 Peche da xornada

PUBLICIDADE