O Centro de Formación de Audiovisuais de Lugo reforza a súa vertente online de cara a un posíbel endurecemento da COVID

martes, 15 de setembro do 2020 S. P.

O Centro de Formación da antiga Fundación TIC da Deputación de Lugo (hoxe Servizo de Audiovisuais) está a preparar un exhaustivo plan de actuación fronte á COVID-19 de cara ao inicio do curso, fixado para o 17 de setembro. O desenvolvemento dos protocolos foi supervisado este martes polo presidente da entidade provincial, José Tomé, acompañado da deputada de Réxime Interior, Pilar García Porto e o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón. Segundo explicaron, o programa anti-COVID inclúe medidas tecnolóxico-dixitais para o caso de que houbese que adoptar a formación semi-presencial ou totalmente a distancia.
No seu percorrido polas instalacións do centro, Tomé fixo saber que a Deputación extremou a prevención “superando mesmo as medidas establecidas polas autoridades sanitarias e educativas e poder ofrecer así un entorno seguro ao alumnado, os docentes e demais persoal do centro”.
José Tomé destacou tamén que “temos un modelo público de servizos que ofrece seguridade e tranquilidade aos seus usuarios e usuarias, isto acontece coa nosa rede de centros de maiores e tamén con este centro de formación do Servizo de Audiovisuais”. O presidente tamén fixo saber que “antes de que comece o curso recibiremos a Certificación de Espazo Controlado COVID-19, logo de que un servizo de prevención alleo á Deputación realizase unha auditoría presencial no centro”.
Así mesmo, o plan de adaptación elaborado polo centro e avalado polo servizo provincial de Prevención, contempla a adquisición de novo mobiliario para garantir a distancia mínima de 1,5 metros entre as persoas; a creación de grupos estables de alumnos e profesores para reducir o número de contactos; e a habilitación de tres aulas con espazo suficiente para respectar a distancias.
A maiores destas e doutras medidas específicas e concretas, o plan fronte á COVID-19 do Centro de Formación do SdeA tamén contempla as medidas a tomar “no caso de que empeore a evolución da crise sanitaria”. Así, indicou a Deputación, “se o modelo fose semipresencial, os alumnos acudirían ao centro en días alternos, de xeito que a metade seguiría a clase na aula e o resto faríao desde as súas casas por streaming”.
No caso de confinamento, o alumnado seguiría as sesións vía online e traballará cun servizo web educativo desde as súas casas. Por outra banda, de darse corentenas, ben sexa individuais ou de grupos, “utilizaríanse todas as ferramentas online necesarias para que os estudantes e os profesores que estean en boas condicións poidan participar desde as súas casas nas clases”, explicaron hoxe o presidente e os devanditos deputados.

PUBLICIDADE