O núcleo e a documentación do xogo A batalla por Wesnoth, 100% na nosa lingua
xoves, 20 de xaneiro do 2011
Dende Proxecto Trasno, Miguel Branco
infórmanos dunha importante novidade
no eido da programación aberta dispoñible en galego. Trátase da tradución
completa á nosa lingua do núcleo e máis da documentación de A batalla por Wesnoth. Este proceso de
adaptación ao galego do miolo do coñecido xogo de estratexia (inspirado nas
novelas e cómics de fantasía heroica) implicou traballar con máis de 3.300
cadeas de información. Segundo informa o noso compañeiro Branco, a mellor parte
de contar no núcleo deste xogo na nosa lingua é que con isto resulta doado
localizar erros de internacionalización: “Calquera
texto que non apareza traducido no xogo e non sexa unha campaña é moi
probablemente porque non está internacionalizado de xeito correcto”. Foi
deste xeito como se detectou un
erro sobre a imposibilidade de traducir certos termos, carencia que os
desenvolvedores de xogo, segundo informa Trasno, solucionaron de contado. Deste
xeito, o traballo de adaptación á nosa lingua puído ser completado.
O traballo non ficou aí, xa que logo da
translación veu a revisión polo miúdo do labor despregado. Durante este repaso
exhaustivo fíxose especial fincapé na aplicación do vocabulario acordado durante a Trasnada ’’10, un modelo de uso que lle acaeu moi ben ao
traballo feito previamente, posto que se puído comprobar que este concordou en
liñas xerais cos criterios escollidos na Trasnada. A este respecto, “foron de moita axuda as regras desenvolvidas
por Marce Villarino para a detección de posibles casos mediante a
ferramenta Pology de KDE”, infórmase.
Logo de ter rematado con estes traballos,
publicouse a versión 1.9.4 do xogo. A día de hoxe fican aínda uns pequenos
detalles por ultimar, como a revisión da tradución das campañas ou a tradución
das imaxes (cousa que segundo conta Trasno non se abordou nunca antes). A
continuación, estímase que se comezará coa adaptación á nosa lingua das
campañas non oficiais. Polo tanto, o traballo segue, pero o importante é que o
miolo do mesmo xa está plenamente adaptado ao noso.
Nos últimos días, proseguen fontes deste
colectivo ligado á programación aberta, solucionouse outro dos erros do xogo dos
que informara o equipo de tradución ao galego, confirmouse outro,
e informouse dun
terceiro relacionado co manual interno do xogo. “Isto”, comentan, “foi
consecuencia do propio proceso de tradución, que esixe fixarse en tódolos
detalles, e que como se pode comprobar acaba axudando de xeito directo ao
desenvolvemento do xogo; esperemos que se vaian solucionando para que a versión
final sexa unha verdadeira xoia”.
Para os que desexen colaborar na tradución do
xogo, cómpre sinalarlles que se pode facer a través da páxina de A batalla por Wesnoth en Trasno.