A Casa da Xuventude de Ourense acolle este sábado a nova xuntanza de Trasno

luns, 23 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Trasno, un dos colectivos que máis está a traballar polo afianzamento na nosa terra dunha Sociedade da Información accesíbel dende tódolos puntos de vista (económico, produtivo, a nivel de estándares, adaptábel ás necesidades particulares de cada quen), vai celebrar o vindeiro 28 de maio a súa seguinte xuntanza trasneira. A cita será en Ourense, na Casa da Xuventude, e comezará cunha asemblea xeral ordinaria na que se fará reconto do acadado e estableceranse os vieiros inmediatos a seguir pola plataforma, para logo dar renda solta a un fondo e participativo debate sobre tradución ao galego de software libre. A Trasnada 11.0, de feito, será máis que nunca un obradoiro colectivo de traballo entre usuarios e deseñadores de software libre e tradutores.
De feito, informa o colectivo Trasno, están convidadas/os a participar neste debate sobre presentes e vindeiros consensos de localización ao galego tódalas e tódolos tradutoras/es de programación aberta que desexen pór o seu gran de area no traballo conxunto. Esta rolda de intercambio de datos, libre para o público en xeral, dará comezo sobre as 12.00 e proseguirá ao longo do resto da xornada.
De xeito complementario á rolda de debate, engade Trasno, celebraranse actividades de promoción e formación en localización á nosa lingua de programas abertos. A primeira hora da tarde, ás 17:00, terá lugar un relatorio na que se conmemorarán os 11 anos de Proxecto Trasno, repasarase a súa historia e exporanse os logros en tradución feitos este último ano. Ás 18:00 terá lugar un curso rápido de formación en tradución de software libre, que permitirá aos asistentes adquirir nocións de abondo como para comezar a participar no proxecto. O evento clausurarase ás 19:30.
Con independencia da axenda da xornada, informa Trasno, “calquera pode achegarse en calquera intre ao evento e coñecernos de primeira man”.
A Trasnada forma parte das actividades que Trasno realiza co financiamento da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011. Nos vindeiros días irase fornecendo aos internautas galegos de máis información sobre a xornada, deixándose a porta aberta para a inclusión dalgunha que outra sorpresa no programa de actividades.

PUBLICIDADE