Traducen ao galego dous libros de InnerSource Commons
martes, 26 de decembro do 2023
A
AMTEGA vén de traducir ao galego dous libros de InnerSource Commons sobre
como aplicar as boas prácticas dos proxectos de software libre no
desenvolvemento de software por parte de empresas e profesionais.
Estes libros, que
teñen por título Xestión
de proxectos InnerSource e Modelos InnerSource
respectivamente, están xa dispoñibles en liña a través da páxina web de
InnerSource Commons. Tamén están dispoñibles as fontes no seu repositorio de
proxectos, para seren empregadas libremente, xa que están publicados con
licenza Creactive Commons BY-SA 4.0.
O obxectivo desta
contribución é dispoñer de documentación en galego para fomentar
o emprego de prácticas de InnerSource entre as empresas galegas. No caso do
libro Xestión de proxectos InnerSource, esta é a primeira tradución que
se fai do orixinal en inglés. No caso do libro Modelos InnerSource
trátase da cuarta lingua á que se traduce, despois do chinés, o xaponés e o
portugués. Isto mostra as potencialidades de publicar contidos mediante
licenzas libres, o que permite que se poidan traducir a linguas máis
minoritarias e ter así documentación de calidade na nosa lingua.
Fomento do InnerSource nas empresas galegas
Estas contribucións están enmarcadas dentro dun proxecto que a AMTEGA está actualmente levando a cabo, e que ten por obxectivo o fomento das prácticas de InnerSource entre as empresas galegas. Para iso, o primeiro dos obxectivos parciais é o de dispoñer de documentación formativa sobre InnerSource en galego. Ademais da tradución destes libros, que cobren os aspectos iniciais para poñer en marcha un proxecto destas características nunha entidade, estase a traballar noutros formatos de documentación formativa que será publicada nos vindeiros meses.