Esta semana podemos presentar contribucións á Xornada de Usuarios de R, fixada para o 15 de outubro

martes, 15 de setembro do 2020 S. P.

Até este 18 de setembro vai ficar aberto o prazo para presentar propostas de relatorios á sétima Xornada de Usuarios de R en Galicia. Os traballos recibidos serán sometidos a revisión polo comité científico e logo notificarase por correo electrónico o resultado da revisión. A xornada, como dixemos, celebrarase o 15 de outubro de 2020 en formato virtual (por primeira vez na historia desta xuntanza de traballo e divulgación e como medida de seguridade sanitaria anti-COVID para as e os participantes). Polo tanto, as diferentes actividades retransmitiranse en vivo e en streaming. Ademais, os vídeos serán pendurados ao remate da xornada no sitio en YouTube da Xornada de Usuarios de R en Galicia.
Esta iniciativa enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a axencia autonómica AMTEGA e o CIXUG para a realización de actividades de fomento do software libre en Galicia.
O evento ten como obxectivos a promoción da linguaxe R e as súas aplicacións, ademais de facilitar o traballo en rede entre a comunidade de persoas usuarias da linguaxe e aquelas outras interesadas en coñecela ou en poñer en común as súas experiencias.
Como lembraremos, R é un software orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, Big Data, bioloxía, ...). R ten unha natureza dupla de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.

PUBLICIDADE