Novos iPhone, novo Apple TV e o nacemento dun iPad Pro centraron o evento de Apple de hoxe

mércores, 9 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Esta tarde Apple celebrou un evento especial destinado a anunciar os novos iPhone, xunto con outros produtos dos que xa había moitos rumores nas últimas semanas, de xeito que as novidades polas que agardaba o público no Bill Graham Civi Auditorium de San Francisco limitábanse principalmente a saber o prezo e as datas de lanzamento de cadanseu produto anunciado.

O Apple Watch estrea novos modelos

Dado que o produto de moda de Apple era o seu reloxo, quixeron comezar a presentación dando algúns detalles sobre a renovación do seus sistema operativo, watchOS 2, que vai facilitar a elaboración de aplicacións nativas, corrixindo así unha das principais eivas actuais do Apple Watch (que con moitas aplicacións ten serios problemas de funcionamento por mor dos retrasos provocados da excesiva dependencia do iPhone). Algunhas fas funcionalidades das que agora poderá tirar bo proveito o Apple Watch é a de iTranslate (traducións automática usando o micrófono e o altofalante do dispositivo), a posibilidade de correr vídeo ou incluso poder medir o ritmo cardíaco mentres se fai deporte (como permitirá a aplicación Strava).
A nivel de produto o Apple Watch tamén estrea novas versións, de xeito que o Apple Watch Sport contará agora tamén con versións en aluminio dourado e aluminio rosa dourado; o Apple Watch de aceiro inoxidable ofrece novas correas con fibela clásica; e incluso chega un Apple Watch Edition de ouro rosa 18 quilates con unha fibela clásica. Pero probablemente a nova edición que máis destacou esta tarde do Apple Watch é a colección de modelos con caixa de aceiro e correas de coiro deseñadas por Hermès, que son realmente rechamantes e que posiblemente convértanse en auténticos obxectos de desexo, que non estarán precisamente ao alcance de todos os petos pois, pese a ser simplemente smartwatches de aceiro, os seus prezos nos EE.UU. están entre os 1.100 e os 1.500 dólares.

Chega o iPad Pro

Tras varios anos de rumores, o iPad Pro por fin é unha realidade, o que parecía inevitable despois de que se anunciase que iOS 9, sistema operativo que comezará a distribuírse como actualización o vindeiro día 16, incluía un modo de funcionamento que permitía ter dúas aplicacións abertas ao mesmo tempo en pantalla. Esta nova tableta de Apple ten unha pantalla Retina de 12,9 polgadas (cunha resolución de 2.732 x 2.048 píxeles), converténdose no dispositivo con iOS con máis píxeles en pantalla, que para mover toda esa información gozará dun procesador A9X de 64 bits, que aseguran que pode medirse coa meirande parte de ordenadores portátiles actuais en potencia, á vez que poderá gozar dunha autonomía dunhas 10 horas (dabondo para unha xornada de traballo completa). Pese ao seu grande tamaño, o iPad Pro conseguiu limitar o seu grosor en 0,69 centímetros e o seu peso en 713 gramos (peso moi semellante ao primeiro iPad con pantalla de 9,7 polgadas).
Dadas as limitacións de iOS resulta evidente que o novo iPad non entraría a competir con produtos como o último MacBook, estando orientado o seu uso ao control táctil, pero para poder ofrecer unha experiencia máis completa Apple tamén desenvolveu o Apple Pencil, un lapis dixitalizador que venderase por separado e que sería de grande utilidade para ilustradores ou usuarios que queiran empregar a súa tableta como se fose un caderno tradicional.
O iPad Pro tamén contará cun accesorio á venda por separado, o Smart Keyboard, que é unha funda que integra un delgado teclado de tamaño completo, que pode lembrar ao que fixo Microsoft coa Surface Pro, pero prescindindo desta volta de touchpad, polo que as súas funcionalidades son moi limitadas, sendo a súa principal diferenza con outras fundas anteriores que incluían un teclado Bluetooth que este novo produto integra un conector de carga que elimina a necesidade de que o teclado teña que tirar dunha batería de seu para alimentarse.
Para dar forza ao uso profesional desta nova tableta dende Apple incidiron no feito de que poderá funcionar con aplicacións como o Office 365, xa que o software ofimático de Microsoft é un estándar de facto que ao gozar de boas prestacións en tabletas facilitará que certo perfil de usuario anímese a facerse cun iPad a medio camiño entre tableta e portátil, que prefire manter un pé firme no eido dos dispositivos táctiles que buscan máis un uso en mobilidade que de escritorio.
De cara á conectividade sen fíos, o iPad Pro gozará de Wi-Fi AC con MIMO e na súa versión con banda larga móbil incluirá soporte de LTE de múltiples, bandas, conseguindo así un dispositivo que tira o mellor proveito posible das conexións de datos sen cables.
Sobre o lanzamento deste produto, polo momento sabemos que iniciará a súa distribución en novembro, e os prezos para EE.UU. que van dos 799 dólares do modelo con 32 GB de almacenamento interno e Wi-Fi ata os 1.079 dólares do modelo de 128 GB con LTE. Amais tamén venderán o Apple Pencil por 99 dólares e o Smart Keyboard por 169 dólares.

Vídeo de presentación do iPad Pro

O Apple TV rexorde

Presentación tras presentación había rumores de que Apple renovaría o seu Apple TV por ter deixado o produto totalmente abandonado, pero foi ata hoxe cando por fin amosouse o que será o novo Apple TV, que externamente muda incrementando a súa altura nun centímetro e incluíndo un mando a distancia con panel táctil, micrófono, sensores de movemento, Bluetooth 4.0 e transmisor de infravermellos que servirá para desatar o potencial que o produto agocha no seu interior, xa que este novo Apple TV integra Siri (de xeito que podemos darlle ordes verbais) e pode acceder á App Store (para acceder a aplicacións e xogos).
Temos así un dispositivo que se vén terá pouca influencia para o consumo de contidos televisivos, si influirá considerablemente no xeito no que os seus usuarios empregan o seu televisor, aínda que haberá que agardar para ver as aplicacións que se adaptarán a este novo dispositivo que non correría directamente iOS, senón sistema operativo derivado que respondería ao nome de tvOS (estratexia semellante á seguida por Apple co seu reloxo de pulso). A beta de Xcode que permite facer uso de tvOS SDK para desenvolver aplicacións para o novo dispositivo está dispoñible dende hoxe mesmo.
Durante a presentación do novo Apple TV resultaba inevitable a comparación coa presentación do Fire TV de Amazon, produto que tamén incluía un mando con control por voz e certa orientación aos videoxogos e ás aplicacións móbiles en pantalla grande, pero que está baseado en Android. O trebello de Amazon non conseguiu trunfar internacionalmente, pero é de agardar que o de Apple teña unha mellor sorte, por contar co apoio tanto de usuarios como de desenvolvedores, aínda que onde non parece que vaia ter o impacto que algúns prevían é no sector dos videoxogos, pois aínda que o Apple TV ten bastante potencia, conta cun sistema de control bastante limitado, que fará que se oriente principalmente a xogos casual, ou sexa, títulos sinxelos como xogos musicais ou runners nos que só haxa que premer un botón para xogar ou mover o mando en momentos determinados (de feito, Ubisoft xa correu a confirmar que Rayman Adventures funcionará no novo Apple TV). Vaia, que Microsoft e Sony poden estar tranquilos xa que o Apple TV non será un competidor das súas consolas, senón que apuntará ao mesmo público que xa ten captado en teléfonos e tabletas (de feito, tvOS ten limitado o tamaño máximo de aplicacións a 200 MB, o que faría que os xogos máis esixentes de iOS non puidesen correr no novo trebello).
O Apple TV chegará ao mercado a finais do mes que vén e o seu prezo nos EE.UU. será de 149 dólares con 32 GB de almacenamento interno e 199 dólares para o modelo con 64 GB.

O novo Apple TV visto en vídeo

Os novos iPhone melloran o seu control táctil

O iPhone 6s e iPhone 6s Plus son dispositivos que non estaban chamados a sorprender, pois como as anteriores versións S dos smartphones de Apple supoñen unha simple revisión do modelo anterior, pero iso non quere dicir que Apple deixase de incorporar novidades interesantes, como a posibilidade de disparar Live Photos (fotografías que capturan un momento en movemento) e unha curiosa adaptación do force touch do Apple Watch, aquí chamado 3D Touch, e que supón toda unha revolución para o xeito de controlar o móbil, xa que o teléfono non só sabe cando se pousa o dedo sobre a pantalla, senón que tamén detecta cando se fai forza, o que permite crear toda unha serie de xestos que poderían lembrar a premer o botón dereito dun rato informático, pero que irían un chisco máis aló, facilitando o salto entre aplicacións e axilizando o acceso a contidos en certas aplicacións, o que suporá un dobre reto: por unha banda os usuarios deberán afacerse ao novo sistema de control e, por outra, os desenvolvedores deberán decidir como aproveitar esta prestacións (que durante bastante tempo estará limitada a un número moi reducido de dispositivos con iOS).
As melloras nas cámaras dos novos iPhone tamén son considerables, xa que a cámara traseira chega aos 12 Mpíxeles e incluso permite a gravación de vídeo a ultra alta definición. No caso do iPhone 6s Plus tamén destaca o feito de que a estabilización óptica de imaxe xa non se emprega só nas fotografías, senón que tamén se aproveita na gravación de vídeos, o que permite conseguir boas imaxes en movemento en contornos pouco iluminados. No caso da cámara frontal non só temos un sensor de 5 Mpíxeles, senón que tamén destaca o chamado Retina Flash, que consiste en empregar a pantalla do teléfono a xeito de flash, o que contribúe a sacar boas auto-fotos en condicións de baixa luz.
Ao manter os tamaños de pantalla de 4,7 e 5,5 polgadas para o iPhone 6s e o iPhone 6s Plus respectivamente temos unha situación bastante curiosa, pois deste xeito Apple comercializaría un dos poucos smartphones insignia de marcas recoñecidas que ten unha pantalla inferior ás 5 polgadas, que é o tamaño que entre os consumidores está a establecer como punto de partida, cando ata hai pouco estes dispositivos diferenciábanse claramente incluso no novo (alcumándose como phablets ou tabletófonos).
Tamén cómpre destacar que, para poder incorporar as melloras a estes novos terminais, Apple tivo que incrementar os seus grosores en 0,2 milímetros e o seu peso en 14 e 20 gramos (detalles que espérase a que contribúan especialmente a manter unha boa autonomía). Outro cambio tamén perceptible á vista é que, aparte de poder adquirirse os smartphones con carcasas en cor prata, ouro ou gris, Apple estrea a cor ouro rosa, que promete ser a sensación da nova tempada (como aconteceu cando chegaron os dispositivos en cor ouro).
Outros elementos que coidou moito Apple son o da potencia (o procesador A9 de 64 bits consegue unha velocidade un 70% maior que un A8, á vez que mellora a súa eficiencia enerxética) e o da conectividade (o teléfono integra as últimas versións de Wi-Fi e de 4G conseguindo as descargas máis rápidas en función da tecnoloxía dispoñible en cada territorio).
Polo momento non se sabe cando chegarán estes novos smartphones ao mercado español, estando confirmado que o 25 de setembro poranse á venda en Australia, Canadá, China, Francia, Alemaña, Hong Kong, Xapón, Nova Zelandia, Porto Rico, Singapur, Reino Unido e EE.UU.

Vídeo de presentación do novo iPhone 6s

Un novo iPad mini

Cando chegou ao mercado o iPad mini 3, para moitos foi unha decepción, xa que limitouse a ser unha versión do iPad mini 2 con lector de pegadas dixitais cunha diferenza de prezo de 100 euros, o que resultaba difícil de xustificar, pero agora temos un iPad mini 4 que xa supón unha auténtica renovación, xa que reduce lixeiramente o seu grosor e o seu peso á vez que incorpora un procesador A8 (o que supón un procesador un 30% máis rápido e unha gráfica un 60% máis rápida). Tamén incorpora a opción de gravar vídeo a cámara lenta, mellora a súa conectividade sen fíos (adopta Wi-Fi AC e Bluetooth 4.2) e incluso mellora a súa pantalla engadíndolle laminación integral para conseguir imaxes máis nítidas, cores máis vivas e un maior contraste.