O programa Santander X Explorer UDC recoñece unha aplicación que converte o móbil nun medidor da nosa saúde

mércores, 10 de xuño do 2026 S. P.

O programa Santander X Explorer UDC vén de pechar a edición do ano 2026 coa entrega dos seus premios, unha cita na que o talento, a creatividade e as ganas de avanzar con novas propostas foron as verdadeiras protagonistas.
Na sala do Consello de Goberno da Reitoría, as persoas participantes presentaron os seus proxectos capaces de dar resposta a retos reais, demostrando, en palabras dos coordinadores do programa, “que as grandes ideas tamén nacen nas aulas universitarias”. Tras a exposición dos diferentes traballos, chegou a quenda das deliberacións do xurado e a posterior entrega de premios.
O galardón ao reto do vídeo, elixido por votación popular entre as persoas mentoras e os participantes nesta edición do programa, foi para Valora-T, de Mathías López Córdoba, que tamén acadou o terceiro premio da competición, pola súa iniciativa que propón unha aplicación capaz de converter o teléfono móbil nun sistema de avaliación da saúde mediante intelixencia e visión artificial, permitindo un seguimento continuo do estado das persoas usuarias.
O segundo galardón foi para NauticOps, de Abraham Riveiro Sotelo, un proxecto que desenvolve unha solución tecnolóxica para coordinar en tempo real as operacións portuarias, conectando de forma eficiente a todos os axentes implicados e favorecendo unha xestión máis áxil e integrada.
O primeiro premio recaeu en Uno más en casa, de David Feijóo Villar, unha iniciativa de marcado carácter social que promove a convivencia entre persoas maiores e estudantes mediante un sistema de intermediación e acompañamento, creando vínculos, apoio mutuo e beneficios para ambas as dúas xeracións.