A Xunta avoga por unha evolución dixital do turismo

mércores, 10 de xuño do 2026 Redacción

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo hoxe en valor a aposta da Xunta por impulsar a transformación dixital do turismo mediante a integración da tecnoloxía, o aproveitamento dos datos e a innovación, co obxectivo de fortalecer a competitividade dun sector máis sostible e eficiente.
Na inauguración da xornada Ecosistemas de datos para destinos intelixentes, Corgos sinalou o turismo e o Camiño de Santiago como dous ámbitos estratéxicos para Galicia que requiren solucións tecnolóxicas adaptadas que permitan mellorar a toma de decisións e deseñar actuacións máis axeitadas ás necesidades reais. «A combinación destas tecnoloxías (economía do dato, intelixencia artificial ou internet das cousas) permítenos ofrecer solucións ás empresas e profesionais do sector», afirmou, ao lembrar que máis de 24.000 empresas e profesionais dispoñen desde hai anos de acceso a información personalizada e recursos a través de Turespazo.
Tamén salientou ferramentas como Turinfo, destinada a proporcionar recursos e información á rede de oficinas de turismo de Galicia; o futuro asistente conversacional baseado en intelixencia artificial, que complementará e ampliará o alcance destas oficinas; e a Plataforma de Intelixencia Turística de Galicia (TURINT). Estas solucións facilitan a creación de itinerarios personalizados para os visitantes, permiten empregar os datos para optimizar a xestión da ocupación, melloran o coñecemento da oferta, da demanda, dos mercados de orixe e dos destinos, e achegan á industria turística información procesada e adaptada ás súas necesidades.
«En definitiva, buscamos impulsar unha visión compartida para a evolución do turismo en Galicia, integrando tecnoloxía, datos e innovación como pancas estratéxicas para mellorar a xestión do destino, fortalecer a colaboración público-privada e reforzar o noso posicionamento competitivo baixo o selo Galicia Calidade», resumiu.
Corgos aproveitou a súa intervención para lembrar que Galicia conta co Centro GaiasTech como unha das ferramentas clave para avanzar nos obxectivos de especialización e soberanía dixital promovidos pola Xunta.
Entre as súas funcións figura a elaboración do Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, que reúne actualmente 360 empresas, 1.406 produtos e 78 tecnoloxías. Ao remate de 2025, o centro rexistraba máis de 1.700 entidades, entre empresas, clústeres, administracións públicas, centros tecnolóxicos e universidades.