O Proxecto Nós estreita lazos coa industria para avanzar na IA en galego
mércores, 10 de xuño do 2026
A Universidade de Santiago de Compostela acolleu hoxe o Foro ALIA de Tecnoloxías da Linguaxe e Industria, unha iniciativa impulsada polo Proxecto Nós no marco de ALIA. Trátase dun espazo estratéxico de encontro entre o ámbito académico, a investigación e o tecido empresarial para promover o desenvolvemento e a adopción de tecnoloxías lingüísticas baseadas en intelixencia artificial.
ALIA é un proxecto impulsado polo Goberno de España pioneiro na Unión Europea para dotar o país dunha infraestrutura pública de recursos de intelixencia artificial, con especial atención ao desenvolvemento das tecnoloxías lingüísticas para as linguas oficiais do Estado e cun firme compromiso coa IA aberta, segura e orientada ao ben común.
Dende a USC explican que “trala última edición de marzo, o foro reafírmase como unha plataforma de colaboración orientada a favorecer a transferencia de coñecemento e a incorporación dos avances en tecnoloxías da linguaxe aos procesos de innovación empresarial”.
Tal e como destacou o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC, Senén Barro, “ALIA busca situar as linguas de España á altura das máis desenvolvidas e usadas no mundo dixital e na súa economía e nós somos os encargados de facer que o galego brille especialmente aí, coa colaboración necesaria das empresas, que son á vez beneficiarias e benfeitoras neste proxecto”.
Na mesma liña pronunciouse a directora do Instituto da Lingua Galega, Elisa Fernández Rei: “ALIA é moito máis ca un conxunto de recursos lingüísticos, é a demostración de que a colaboración público-privada pode poñer a Galicia na vangarda das tecnoloxías da linguaxe”.
A xornada, que tivo lugar no Centro de Estudos Avanzados (CEA), permitiu dar a coñecer de primeira man o estado dos recursos desenvolvidos no marco de ALIA e explorar novas oportunidades de cooperación entre universidade e empresa. Un dos eixos centrais do foro foi a presentación dos novos recursos do ecosistema ALIA, entre eles o ALIA Kit, unha colección aberta de modelos, conxuntos de datos, ferramentas e demostradores deseñados para facilitar o desenvolvemento de aplicacións e servizos de intelixencia artificial nas linguas do Estado. Estes recursos, desenvolvidos no marco da Plan Nacional de Tecnoloxías da Linguaxe da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, están ao dispor da comunidade en aberto para que administracións públicas, empresas, organizacións e equipos de investigación poidan incorporalos aos seus propios proxectos e procesos de innovación.
O foro serviu tamén para presentar os primeiros resultados da chamada á colaboración público-privada impulsada polo Proxecto ALIA-Nós, unha iniciativa creada para fomentar a aplicación práctica dos recursos lingüísticos e tecnolóxicos desenvolvidos ao longo dos últimos anos a través de proxectos como Nós, ILENIA ou o propio ALIA. Esta convocatoria seleccionou propostas empresariais orientadas a demostrar o potencial dos modelos de linguaxe, dos sistemas de tradución automática e das tecnoloxías da fala en contornas reais de uso, contribuíndo ao mesmo tempo a fortalecer a presenza do galego nos novos desenvolvementos tecnolóxicos.
Entre os proxectos que se presentaron atópase VERA, a plataforma desenvolvida por Imaxin para a avaliación avanzada de sistemas de tradución automática. Esta solución integra metodoloxías de avaliación humana e métricas automáticas para analizar o rendemento dos modelos lingüísticos, facilitando a mellora continua dos sistemas de tradución e contribuíndo ao fortalecemento do ecosistema tecnolóxico arredor do galego e doutras linguas do Estado.
Ao mesmo tempo, OSIX Tech Development deu a coñecer o seu proxecto, unha plataforma de avaliación automática de textos escritos e exposicións orais en galego asistida por intelixencia artificial. A ferramenta permite analizar tanto a corrección lingüística como a adecuación temática dos contidos, incorporando funcionalidades de transcrición automática, avaliación multimodal e xestión de dominios de coñecemento especializados.
Amais, o proxecto desenvolvido por Dimensiona Consultoría Tecnolóxica S.L. centrouse na creación dun asistente virtual intelixente en galego para facilitar o acceso da cidadanía á información pública. A solución combina tecnoloxías de recuperación avanzada de información e modelos de linguaxe con sistemas de recoñecemento e síntese de voz baseados nos recursos do Proxecto Nós, permitindo unha interacción natural mediante texto e fala.
Proxecto Nós
O Proxecto Nós é unha iniciativa para situar o galego canda as linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e da intelixencia artificial. O seu obxectivo principal é “xerar os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos baseados na tecnoloxía da lingua como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais”.
En paralelo, o proxecto promove tamén a presenza dixital do galego, mediante a creación dunha ampla variedade de ferramentas e de recursos de alta calidade e de uso libre. Algunhas delas (un tradutor neuronal multilingüe, un recoñecedor de voz que converte fala en texto escrito, unha aplicación de síntese de voz que le en galego e un chatbot galego) atópasense de xeito totalmente libre a través do web do proxecto, a disposición de calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore a lingua galega.
O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia (Secretaría Xeral da Lingua), que encomendou a súa execución á USC a través de dúas entidades punteiras de investigación en tecnoloxías da linguaxe e intelixencia artificial: o Instituto da Lingua Galega e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes. Anteriormente contou co financiamento do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública con fondos da Unión Europea-NextGenerationEU, no marco do proxecto ILENIA, e agora intégrase no proxecto ALIA.
