Amazon estrea un dispositivo con Android que pode operar como consola de videoxogos
mércores, 2 de abril do 2014
Aínda que Android é un sistema operativo optimizado para
smartphones e tablets, non son poucas as iniciativas que o levan ao televisor
como reprodutor multimedia ou como consola de videoxogos, e fusionando ambos
camiños Amazon presentou hoxe o seu Fire TV, un pequeno dispositivo
que podemos conectar a un televisor en alta definición para poder acceder a
numerosos servizos de vídeo en liña (Netflix, Amazon Instant Video, Hulu Plus,
Showtime Anytime, Flixster, Vevo...), o que resulta especialmente atractivo
para os subscritores de Amazon Prime (que poden acceder así a milleiros de
películas e series de televisión de xeito ilimitado).
O Fire TV é un dispositivo bastante potente, cun procesador Qualcomm Krait 300
de catro núcleos a 1,7 GHz, 2 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno, Fast
Ethernet, Wi-Fi N de dobre banda, Bluetooth 4.0, USB 2.0, saída HDMI de ata
1.080p a 60 cadros por segundo, unhas medidas de 115 x 115 x 17,5 milímetros e
un peso de 281, que pode manexarse cun sinxelo mando Bluetooth que incluso
integra micrófono con cancelación de ruído para facilitar que poidamos dar
ordes faladas ao Fire TV.
Curioso vídeo promocional do Fire TV
Se queremos empregar este trebello como consola de videoxogos podemos adquirir
o Amazon
Fire Game Controller, un completo mando de xogo de 153,4 x 106,8 x 59,7
milímetros e 277 gramos de peso (con baterías incluídas) que integra dous
mandos analóxicos, unha cruceta e unha chea de botóns, dispostos estes controis
dun xeito moi semellante ao do mando da Xbox 360, polo que debería de ser moi
doado afacerse ao seu manexo. Adicionalmente tamén inclúe tres botóns para o
control multimedia (para que non teñamos que alternar constantemente entre o
mando de xogo e o mando a distancia).
- Sev Zero é o primeiro grande xogo de Amazon Game Studios
No que respecta aos videoxogos que estarán dispoñibles para Fire TV, xa está
confirmada a presenza do super-éxito Minecraft,
de xogos coñecidos como The Walking Dead
ou Monsters University, e incluso de
títulos exclusivos de Amazon como Sev Zero dos novos Amazon
Game Studios. A meirande parte dos xogos para a nova máquina serán de balde, mentres
que os títulos de pagamento custarán unha media de 1,85 dólares, convertendo ao
Fire TV nunha consola que pode ter unha boa aceptación en moitos fogares, conseguindo
grazas ao pulo de Amazon trunfar onde fracasaron proxectos como a consola Ouya.
O prezo do Fire TV de Amazon é de 99 dólares (72 euros) e o seu mando para
videoxogos custará 39,99 dólares (29 euros). Polo momento descoñécense os plans
de Amazon para este produto fóra dos EE.UU.
Vídeo de adianto dos futuros traballos do estudio de videoxogos de Amazon