Case un terzo dos usuarios non elimina a súa información persoal do móbil cando se desfai del

luns, 27 de xaneiro do 2014 Redacción

Seguimos co Día da Protección de Datos, que se celebra este 28 de xaneiro e que na nosa terra está a ser reflectido en detalle polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), tal e como sinalamos este luns en Código Cero. Como lembraremos, con esta celebración trátase de pór de manifesto a importancia de concienciármonos máis sobre a necesidade de traballar por unha Rede máis segura. A tódolos niveis e facendo fincapé en aqueles colectivos con maior risco de exclusión dixital. Para botar un pouco máis de luz sobre a situación actual da Internet en materia de medidas que salvagarden a información dos usuarios, Locompramos.es vén de publicar un estudo no que se di que case un terzo dos cidadáns españois non borra os seus datos cando se desfai dos seus dispositivos electrónicos.
Locompramos.es, unha empresa que se dedica á compravenda de aparellos tecnolóxicos usados, alerta tamén que España está por debaixo da media europea en materia de coidado e protección de información. As consecuencias disto, de termos a garda baixa no que se refire a salvagardar o que xeramos, é que acontezan cousas como quen unhas fotos nosas cheguen a man de descoñecidos ou que mensaxes e contactos dos nosos móbiles acaben sendo usados por outros. A compañía elaborou o estudo onde figuran os devanditos datos con coñecemento interno da empresa procedente de 4 países europeos. No informe salienta que os austríacos obteñen a mellor puntuación en coidado dos seus datos, xa que o 95% dos dispositivos que chegan á empresa procedentes deste país non conservan ningún rastro do seu antigo propietario. A esta porcentaxe séguenlle os trebellos procedentes de Alemaña (93%) e Polonia (82%). España encabeza a listaxe pola cola, “xa que a porcentaxe de dispositivos baleiros de datos descende ata o 73%”, infórmase. Por tipoloxía de dispositivos, os móbiles entréganse sen datos nun 77%, ségueno de preto os computadores portátiles nun 74% e as tablets nun 71%. Para os responsables da empresa, “que un 27% dos españois venda os seus dispositivos sen eliminar previamente o seu contido é algo que debería preocuparnos e deberían aplicarse políticas de concienciación neste sentido”, indica Enrique Aguilar, director do servizo.