O CPEIG anímanos a asumir a importancia da seguridade na Rede con motivo do Día da Protección de Datos
luns, 27 de xaneiro do 2014
Este martes 28, por se
alguén non o sabía, celébrase unha cuestión de importancia
fundamental para o desenvolvemento da Sociedade do Coñecemento. Unha
cuestión vital para apuntalar e asegurar o dereito a accedermos a
ese coñecemento ao mesmo tempo que se garante que cada quen,
internauta, institución ou empresa, poida decidir plenamente sobre
que facer coa súa información persoal. Falamos do Día
da Protección de Datos, unha celebración que na nosa terra está
a ser divulgada en boa medida polo Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A
idea do colexio é achegar unha serie de recomendación e suxestións
e, mediante elas, lembrar a importancia de facer e construír unha
Rede máis segura.
O CPEIG, ao fío do
devandito, considera do máximo interese que a sociedade galega tome
conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de
datos. Baixo esa premisa, o ente colexial elaborou un conxunto de
recomendacións que fai públicas para contribuír “á construción
dunha Sociedade da Información na que a cidadanía debe ser
consciente de todas as oportunidades e dos riscos que lles ofrece a
Internet”.
A continuación damos
conta desta listaxe de suxestións.
• Antivirus. Cómpre
actualizar decote o software antivirus e de seguridade. Tamén é
preciso configurar o software do navegador coas opcións de
seguridade máis restritivas.
• Executables. É
preferible non descargar programas executables ou ficheiros que
sexan susceptibles de conter software malicioso. Debemos protexer o
equipo con programas devasa e de detección e eliminación de
software espía.
• Identificadores. O
intercambio e a entrega de datos de carácter persoal e bancarios
debe efectuarse nos sitios web que dispoñan de protocolos seguros e
de política de privacidade. Nunca debemos fornecer información
información sobre os nosos identificadores de usuario e moito menos
sobre as nosas claves de acceso. É recomendable que sexamos
rigorosos en avisos de sorteos, ofertas telefónicas ou promocións
comerciais de calquera tipo.
• Contrasinais. Debemos
manter, a ser posible, contrasinais distintos para cada web ou
servizo que sexan longos de abondo e difíciles de adiviñar. É
recomendable non usar o PIN dunha tarxeta de crédito, nin a data de
nacemento, nin palabras do dicionario ou diminutivos. Conveñen
palabras nas que se combinen maiúsculas, minúsculas, números e
outros caracteres especiais permitidos que sexan doados de lembrar
para o usuario pero difíciles de adiviñar para un terceiro.
• Wi-Fi. Particular
atención ás redes sen fíos abertas. A información vai sen
protección, logo é susceptible de ser interceptada e utilizada con
fins non autorizados. Segundo apunta o CPEIG, é doado obter os datos
de acceso da gran maioría das redes. Recoméndase usar os últimos
protocolos dispoñibles cando sexa posible (WPA/WPA2).
• Buscadores. Debemos
ter en conta que o uso dun buscador xera tratamentos de información,
que serán empregados como mínimo para ofrecer anuncios
personalizados. Convén coñecer as políticas de uso do buscador que
máis empregue. Os buscadores poden permitir obter perfís completos
sobre a nosa información pública en Internet.
• Cookies.
Borrar con regularidade as cookies e os arquivos temporais de
Internet, así como o historial de navegación, especialmente cando
se acceda a Internet dende un computador ao que teñan acceso outras
persoas.
• Spam. No caso de
recibirmos correos non desexados e correo lixo (spam), cómpre
que non enviemos unha resposta, xa que estaremos confirmando a
validez do noso enderezo electrónico. É conveniente desactivar a
opción que envía un acuse de recibo ao remitente das mensaxes lidas
do sistema de correo electrónico.
• Correo electrónico.
Cando envíemos mensaxes de correo electrónico a diferentes
destinatarios, cómpre empregar o campo Con Copia Oculta
(CCO). No caso de envíos masivos debemos usar e listaxes de
distribución.
• Redes sociais.
Debemos garantir a seguridade da nosa información nas redes sociais
mediante unha configuración axeitada do noso perfil e empregando
contrasinais. É preciso non esquecer que os buscadores poden
permitirlle a un terceiro obter a información pública dos perfís.
• Imaxe. A imaxe é un
dato de carácter persoal cuxa difusión ou acceso non autorizado
pode ser particularmente molesto ou daniño. Ao publicarmos unha foto
ou escribir nun foro podemos estar incluíndo información sobre
outras persoas. Debemos ser consciente de que temos que respectar os
dereitos desas persoas.
• Cámaras web. Antes
de instalar unha cámara web que reproduza imaxes na Internet,
debemos asegurarnos de que a captación sexa o menos intrusiva
posible. Así mesmo, debe garantirse a seguridade impedindo o acceso
non autorizado a imaxes captadas por este tipo de cámaras.
• Nenez. Debemos educar
as pequenos nun uso seguro das redes e acompañar os nenos e nenas na
súa navegación. Cómpre adoptar medidas de seguridade física e
informáticas para os nenos e nenas, como a situación do ordenador
na casa ou unhas horas determinadas de uso.
O Día da Protección
de Datos en Europa
O Día da Protección de
Datos en Europa é unha xornada impulsada pola Comisión Europea, o
Consello de Europa e as autoridades de protección de datos dos
Estados membros da Unión Europea co obxectivo de difundir entre os
cidadáns o coñecemento dos seus dereitos e responsabilidades sobre
a protección de datos.
