Xermade convoca a fotógrafos e internautas para mostrar o seu patrimonio na Rede

martes, 20 de xuño do 2017 Redacción

O Concello de Xermade (Lugo) quere tirar proveito das redes que se tecen arredor das imaxes dixitais xeolocalizadas para promover os seus atractivos turísticos ao tempo que “fai” comunidade en liña. Por esta razón, vén de convocar a segunda edición do seu Concurso de Fotografía Dixital #xermadeenfotos, dirixido a amosar perante o mundo os seus recursos patrimoniais, “reflectindo as múltiples sensacións que se poden ter neste municipio”. Segundo informa o Goberno local, cada participante poderá achegar un máximo de tres fotos a través do portal xermadeenfotos.org ata o 15 de setembro. A iniciativa vén da man da Concellería de Xuventude e Educación.
As fotografías deben amosar os recursos patrimoniais do municipio (naturais e paisaxísticos, agrogandeiros, industriais, arquitectónicos, etnográficos, arqueolóxicos, gastronómicos, etc) de xeito atractivo e con calidade técnica e artística. Para esta convocatoria, as imaxes terán que mostrar o tempo que estamos a vivir, este tempo actual a cabalo entre primavera e verán (máis verán, todo hai que dicilo, ca primavera). As bases do concurso atópanse no portal xermadeenfotos.org onde se poden tamén pendurar as fotografías e, por suposto, votalas e compartidas nas redes sociais.