Vueling, a primeira compañía europea en fornecer acceso a 20 Mbps

mércores, 9 de abril do 2014 Redacción

Os voos de Vueling achegarán Wi-Fi de alta velocidade por satélite de Telefónica. Así o fixeron saber este mércores ámbalas empresas, nun comunicado conxunto no que engaden que o servizo sen fíos diríxese a permitir aos viaxeiros “unha experiencia de navegación moi semellante á que poden obter en terra”. O pacto Vueling-Telefónica comezará integrando este tipo de conexión en catro Airbus A320 da compañía de voos, que darán o devandito servizo ao longo deste mesmo ano. Segundo informan, a iniciativa situará a Vueling como a primeira compañía aérea europea que fornece Wi-Fi de alta velocidade. Asemade, din, amosa ás claras como será a conectividade a bordo que nos vén.
Lembran tamén que ata o agora “este tipo de acceso a datos non era posible en distancias tan curtas en Europa como Madrid-Barcelona, por exemplo”. E engaden: “Con esta iniciativa ábrese todo un mundo de posibilidades para os pasaxeiros: consultar e responder o correo, actualizar o seu status en redes sociais ou estar conectado ás noticias e eventos en tempo real, entre outras moitas posibilidades”.
En virtude do acordo, Telefónica será a encargada de integrar a tecnoloxía de alta velocidade de LiveTV co servizo móbil Air Access de Eutelsat a través do seu satélite KA-SAT. “Os sistemas de satélite de banda Ka”, explica a operadora, “son únicos por ser quen de ofrecer unha experiencia de uso a 20 Mbps en voo semellante ao ADSL de casa, un taxa de servizo que marca unha gran diferenza co existente até agora”.
Para a operadora española, a nova xeración de satélites de banda Ka, tamén chamada High Throughput Satellites (HTS), permite que os pasaxeiros poidan utilizar os seus dispositivos electrónicos (smartphones ou tabletas) do mesmo xeito quen en circunstancias normais. Telefónica seleccionou a Eutelsat como provedor da rede satélite e o servizo móbil, mentres que LiveTV proporcionará todo o equipamento a bordo da aeronave. LiveTV tamén está a cargo do proceso para obter as certificacións necesarias (STC) da Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA) para o uso desta tecnoloxía nos Airbus A320 de Vueling.