Vodafone España acadou no seu primeiro semestre 2.117 millóns de euros de facturación

xoves, 13 de novembro do 2014 Redacción

Vodafone España deu a coñecer esta semana os resultados financeiros do primeiro semestre do ano fiscal, que para a dita empresa abrangue do 1 de abril ao 30 de setembro. A súa facturación, cos ingresos de Ono incluídos dende xullo, foi de 2.117 millóns de euros. Os ingresos por servizo acadaron os 1.988 millóns de euros, un 12,4% menos en termos orgánicos que o mesmo período do ano anterior. Porén, a compañía salienta “unha mellora significativa no segundo trimestre do ano”, de menos 9,3% fronte ao -15,3 do primeiro trimestre. Segundo apunta a operadora, esta melloría ten a súa raizame na aceleración do negocio fixo pero tamén nunha menor caída dos ingresos por servizo de telefonía móbil.
Polo que atinxe aos ingresos por negocio fixo aumentaron de forma orgánica un 10,1% no primeiro semestre, cun maior crecemento no segundo trimestre, 12,9%, ca no primeiro, de7,3%. Os ingresos por servizo de telefonía móbil descenderon no semestre, en termos orgánicos, un 14,8%, pero a un menor ritmo no segundo, -11,7%, que no primeiro,-17,6%.
Polo que respecta ás novidades achegadas pola adquisición de Ono, Vodafone sinala que trala compra (formalizada o 23 de xullo) da firma española, esta achegou 251 millóns de euros aos ingresos por servizo de Vodafone en España e contribuíu con 108 millóns de euros ao seu EBITDA. Así, a carteira de clientes conxunta de telefonía móbil de Ono e Vodafone España medrou en 89.500 no último trimestre e alcanzou a 30 de setembro os 14,8 millóns.
A base de clientes de telefonía móbil de Vodafone, informa a operadora, “creceu o último trimestre por primeira vez en tres anos”. Ao fío disto, a empresa salienta o medre experimentado no segmento de contrato, un total de 14.100 no trimestre. Pola súa banda, a carteira de clientes de telefonía móbil de Ono incrementouse 87.500. O crecemento da base de clientes de contrato de Vodafone, excluíndo Ono, débese en palabras da operadora de raizame británica “á forte actividade comercial do último verán e a unha redución significativa da taxa de desconexión que diminuíu en 1,9 puntos porcentuais entre os usuarios particulares no último trimestre fronte ao mesmo período do ano anterior, ata quedar no 19,2%; e en 2,5 puntos porcentuais entre os clientes empresariais, ata o 16,9%”.
Polo que atinxe á cifra de usuarios de banda larga fixa, alcanzou os 2.700.000. Deles, 1.525.000 son de fibra e preto de 800.000 gozaban de velocidades iguais ou superiores aos 50 Mbps.