ViaGalicia podería ter contribuído á xeración de 340 empregos

venres, 15 de novembro do 2019 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou hoxe en Lugo na inauguración da fase de Academia da aceleradora ViaGalicia na súa sede nesta cidade, onde destacou que esta iniciativa xa ten permitido a posta en marcha de 68 empresas que están a xerar 340 empregos e captando preto de 19 millóns de euros de financiamento.
A aceleradora, que cumpre a súa sexta edición e que está impulsada pola Xunta e por Zona Franca de Vigo, seleccionou un total de 33 proxectos dos que 20 recibirán formación en Vigo e os 13 restantes en Lugo. Esta fase de Academia ten como obxectivo mellorar as súas propostas mediante formación e sesións prácticas personalizadas para preparalos de cara á seguinte etapa de Aceleración. Dura preto de dous meses e posteriormente os proxectos seleccionados pasarán á fase de aceleración.
Entre os proxectos innovadores que forman parte da actual fase destacan iniciativas no eido das novas tecnoloxías, da moda e o téxtil, do deseño e a artesanía, da saúde, da enerxía renovable, da agroalimentación, do turismo e tamén do sector aeroespacial.
ViaGalicia forma parte de rede galega de aceleradoras, a través de StartIN Galicia, e enmárcase no compromiso da Xunta por apoiar e impulsar o emprendemento innovador, así como captar e reter o talento galego, co obxectivo de que ningunha boa idea quede esquecida nun caixón. Esta rede xa ten permitido, nos últimos cinco anos, apoiar preto de mil proxectos.

PUBLICIDADE