Un obradoiro achega ás entidades do terceiro sector as tecnoloxías que facilitan procesos participativos

luns, 5 de outubro do 2015 Redacción

A AMTEGA celebra o 8 de outubro a sétima xornada do Programa de Formación en Software Libre para o Terceiro Sector, sesión formativa que celebrarase no Centro Demostrador TIC en horario de 17:00 a 20:30 horas. baixo o título Colaboración e participación dixital para o terceiro sector con ferramentas libres. Esta actividade é de balde, pero cómpre inscribirse para participar dada a limitación das súas prazas.
No obradoiro exporase como facer máis inclusivos os debates e as decisións nun proceso participativo, así como desenvolver propostas ben feitas e integradoras para que a colaboración sexa unha experiencia máis enriquecedora para o colectivo participante. Analizaranse as diferentes ferramentas tecnolóxicas existentes para habilitar estes procesos e, en particular, afondarse na plataforma e-cidadania, que será sometida a proba durante a sesión. Como resultado do obradoiro, elaborarase un mapa no que se plasmará para que serve cada ferramenta dispoñible e como poden complementarse estas cos dispositivos móbiles presentes na sala.
Esta actividade formativa está especialmente deseñada para responsables, persoal e persoas voluntarias pertencentes a asociacións ou a entidades do terceiro sector que teñan interese na implantación de ferramentas para a mellora tecnolóxica. Impartirá o obradoiro Ana Lorenzo Vila, socia traballadora da empresa Cidadanía, cuxo exercicio profesional céntrase no impulso das democracias participativas, principalmente nos ámbitos da participación cidadá nas políticas públicas e no impulso do cooperativismo.