Teo lanza unha nova edición do seu concurso de fotografías co móbil

mércores, 7 de novembro do 2018 Redacción

O Concello de Teo, a través da Concellaría de Benestar, Igualdade, Mocidade e Participación Veciñal, vén de convocar unha nova edición (a segunda) do seu concurso de fotografía con móbiles #OMeuTeo. A idea, unha vez máis, é mobilizar ás creadoras e creadores locais (e visitantes) para que reflictan os atractivos do termo municipal e/ou os seus recantos favoritos a través de imaxes obtidas mediante teléfonos. O vencedor na anterior edición foi Diego Vázquez Ares, quen recibiu como premio unha tableta iPad.
Desta volta, o certame vén con dúas novidades. Por un banda proponse unha nova temática: a Feira do San Martiño de Francos na súa edición 2018 (aceptaranse tanto fotografías da feira do 11 de novembro como das diversas actividades incluídas no seu programa e que se realizarán nos días previos). E por outra banda, o premio este ano será un teléfono móbil Fairphone, teléfono con criterios éticos e modular.
Segundo informou o Concello para participarmos no concurso as fotografías poden presentarse de dous xeitos: ou ben pendurándoas nas nosas contas persoais nas redes sociais Twitter ou Instagram (acompañadas do cancelo #OMeuSanMartiño e mencionando a conta @MocidadeTeo) ou ben subindo subir as fotografías directamente á plataforma online do concurso, que estará dispoñíbel a partir do 4 de novembro en i.gal/omeuteoII.
O regulamento do concurso pode consultarse en: i.gal/basesomeuteo (formato PDF).

PUBLICIDADE