Telefónica completa a compra de Tuenti
mércores, 6 de novembro do 2013
Xa é oficial. Finalmente
Telefónica proclamouse este mércores propietaria ao cen por cen da
rede social Tuenti logo de rematar o proceso de achegamento entre
ámbalas partes e facerse a operadora co restante capital de Tuenti
que aínda non tiña. Lembrar que a operación remóntase a 2010,
intre no que en Código Cero dimos conta da compra por parte da
compañía española do
90% da dita comunidade 2.0 por un prezo total de 70 millóns de
euros. Daquela reflectimos como o máximo responsable de Tuenti,
Zaryn Dentzel, confirmaba
no blog oficial da compañía que o operador telefónico
incorporárase coma socio para “garantir a continuidade do
proxecto” e aportar “músculo financeiro e toda a súa
experiencia en comunicacións”.
Con todo, ficaba pendente
unha porcentaxe do capital, que ata o de agora estaba en mans de
socios minoritarios entre os que figuraban empregados e directivos
desta, que exercitaron a súa opción de venda. O remate da operación
anunciando este mércores confirma en palabras de Telefónica “a
aposta por Tuenti, que salienta polo talento e a innovación cun
equipo novo de máis de 200 profesionais cunha idade media de 29 anos
formado principalmente por enxeñeiros”.
E lembra Telefónica:
“Tuenti aborda diferentes proxectos que supoñen a súa reinvención
máis aló do servizo como rede social, integrando comunicación
social e servizos móbiles con novos produtos de valor engadido:
novas aplicacións móbiles con mensaxería instantánea, servizos
integrados como Zerolímites que permite aos clientes do operador
falar (VoIP), chatear, e compartir sen consumir datos, mesmo cando
non teñen saldo; ou a xestión de conta e soporte na mesma
aplicación; constatando o seu compromiso por innovar e dixitalizar o
sector das telecomunicacións achegando a súa experiencia en
Internet e comunicación social”.
Subliñar por último que
Tuenti conta a día de hoxe con 9 millóns de usuarios activos na súa
multiplataforma de comunicación social e 190.000 clientes no seu
operador móbil virtual, Tuenti Móbil. En 2012 a facturación da
compañía foi de 14 millóns de euros e agarda pechar 2013 cun medre
por enrima do 50% con respecto a 2010.
