Telefónica merca o 90% de Tuenti por 70 millóns de euros

mércores, 4 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Parte do equipo de Tuenti

Nos últimos meses foron moi frecuentes os rumores que apuntaban á venda da plataforma de redes sociais española Tuenti a Telefónica, e tras moitas informacións achegadas por canles non oficiais, o máximo responsable de Tuenti, Zaryn Dentzel, vén de confirmar no blog oficial da compañía que o operador telefónico incorpórase coma socio para «garantir a continuidade do proxecto» e aportar «músculo financeiro e toda a súa experiencia en comunicacións».
Dentzel non dá detalles sobre a operación económica, que segundo o diario Expansión sería de preto de70 millóns de euros polo 90% da compañía, o que o emprendedor Martín Varsavsky considera que «Telefónica comprou barato», pois Tuenti é unha plataforma con moito potencial, aínda que non podemos esquecer que non estamos ante unha empresa rendible, polo que entendemos que a súa adquisición é estratéxica.
Qualitas Equity Partners tería vendido o 30% da súa participación de Tuenti a Telefónica, coma tamén farían a meirande parte de accionistas, coa excepción dun grupo de directivos, aínda que coméntase que Telefónica non ten pensado modificar o equipo directivo de Tuenti porque son conscientes de que as redes sociais responden a códigos propios (como aprenderon polas malas co fracaso de Keteke) dos que buscan aprender sen interferir no seu desenvolvemento.

Oficina de Tuenti nunha imaxe tomada hai un par de anos