Telefónica On The Spot Services amplía presenza internacional e servizos
mércores, 4 de decembro do 2013
Telefónica On The Spot
Services, a filial da operadora centrada no ámbito da publicidade
nos puntos de venda, vén de anunciar o comezo dun importante proceso
de espallamento no seu radio de acción. Máis en detalle, o
obxectivo é amplificar estas ramificacións cara países como
Brasil, México, Chile e Perú, onde xa foron habilitadas novas
filiais da devandita división da operadora. Ademais, ábrese o abano
de servizos: xúntanse na carteira de Telefónica
On The Spot solucións de carteleiría e publicidade dixital en
soportes exteriores e servizos audiovisuais para empresas e sedes
corporativas.
Lembrar que a filial da
operadora, que achega solucións para os emprazamentos físicos de
distribución ao cliente desde hai máis de 40 anos baixo a
denominación Fío Musical, xestiona arestora máis de 26.400
pantallas en todo o mundo. A compañía conta xa con piares en
España, Portugal e Arxentina, e agora tamén en Brasil, México,
Chile e Perú. En todos estes países compártese a partir de agora
obxectivo: “Achegar unha oferta completa de servizos que permitan a
activación de diferentes negocios, cunha plataforma propia e con
acordos locais que reforzan esta operación internacional e que
melloran a comunicación entre as empresas e os seus empregados, os
comercios e os seus clientes, e os anunciantes e o seu público
obxectivo”, sinalan fontes da operadora. E engádese: “O que
busca a división de Telefónica é reinventar o punto de venda,
levando e adaptando o mellor da tecnoloxía e a experiencia dixital
ás necesidades dos establecementos e localizacións”. Ou sexa,
trasladando as capacidades do mundo online ao mundo offline
con “solucións que permiten medir as entradas e saídas do punto
de venda; ambientar de xeito dinámico os espazos con música e
vídeo; levar a experiencia do cliente no punto de venda ás redes
sociais e coñecer os impactos das campañas”.
