Subliñan en o Barco a importancia das TIC no comercio de proximidade

xoves, 17 de novembro do 2016 Redacción

Sol Vázquez Abeal, director xeral de Comercio, participou hoxe no Taller de emprendemento e creatividade tecnolóxica organizado en Valdeorras pola Federación Galega de Comercio coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, salientou a aposta da Xunta polo establecemento do smart commerce, un novo modelo de comercio intelixente que sitúa o cliente no centro da súa estratexia, deixando constancia da importancia da innovación e as TIC para impulsar o comercio de proximidade.
Na xornada tamén interviñeron Ismael Tato, do establecemento local Agroviloira, unha inspectora de Consumo e técnicos de medios de pago e desenvolvemento de negocio.
A presentación do obradoiro correu a cargo do presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e Beatriz Gómez, presidenta da Federación de Comercio de Ourense, que estiveron acompañados por responsables da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) e do CCA O Barco.

Smart Commerce

Neste ámbito céntrase o segundo dos retos do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia. Así, apóstase por incrementar a innovación no sector como un dos factores clave para mellorar a súa posición competitiva, impulsando as vendas en internet e novas fórmulas de comercialización dos produtos, así como de mellora do seu deseño e presentación.
Preto de 150 comerciantes e artesáns da provincia de Lugo benefícianse este ano das axudas por preto de medio millón de euros concedidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria dentro do programa para impulsar o smart commerce e o comercio en liña.
O obxectivo dos obradoiros de emprendemento e creatividade tecnolóxica, que se desenvolven nas catro provincias galegas, é fomentar o coñecemento do novo perfil do consumidor, así como as canles de pago e procesos dixitais e distintas experiencias que amosen fórmulas comerciais de éxito.
Trátase de transmitir información e exemplos de aptitudes e competencias que permitan ao comercio galego responder efectivamente aos desafíos, problemas, oportunidades e cambios que afronta, e achegar medios para que o sector logre a diferenciación e competitividade necesaria a través do emprego de novas canles de promocion e venda, pago, distribución, fidelización e coñecemento do consumidor.