Sada anuncia axudas para equipar con material informático os colexios do concello

venres, 23 de decembro do 2016 Redacción

O Concello de Sada anunciou esta semana que vai subvencionar a educación tecnolóxico-dixital dos colexios emprazados no municipio coruñés. Así o fixo saber Raquel Bolaño, responsable da Concellería de Educación, que é de onde parte a devandita resolución a prol da afianzar a capacitación TIC nos centros escolares locais. Esta materializarase en diversos material informático para os centros sadenses de Educación e Primaria. O obxectivo é “impulsar a eEducación e o acceso de todo o alumnado ás novas tecnoloxías como ferramenta de aprendizaxe”.
Outra das finalidades desta medida é pór de manifesto a necesidade de complementar o proceso de capacitación TIC no ensino con material informático e investimento económico. Ao fío disto, o Concello fai un chamamento á Consellería de Educación para que “forneza aos orzamentos da Xunta as contías económicas precisas para dotar aos programas arestora en desenvolvemento nos propios centros escolares”.
O Goberno local tamén sinala que os criterios e outorgamento destas axudas son “obxectivos”, tomando como referencia de gasto para cada centro a operación de 4 euros por alumno/a excepto no EEI Carnoedo, “onde se achega o material indistintamente do alumnado ao tratarse dun centro con poucos alumnos”. En palabras da concelleira, “este formato de subvención permite que cada colexio teña liberdade de elección para mercar o material informático que considere apropiado”.
Deste xeito, a Concellería achega ao CEIP Pedro Barrié de la Maza 2.188 euros, ao CEIP Sada e Contornos 864 euros e ao CEIP O Mosteirón 1.144 euros. Polo que se refire ao EEI de Carnoedo, o departamento que dirixe Raquel Bolaño sinala que o seu número de alumnos “é tan reducido”, de 14 nenas e nenos, “que non permite a aplicación do criterio obxectivo de 4 euros por alumno/a”. Neste caso, subvención consistirá nunha tableta a disposición de toda a aula. O importe total da subvención ascende a 4.345 euros.