Poderemos empregar WhatsApp en varios dispositivos á vez

mércores, 30 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Unha das demandas históricas dos usuarios de WhatsApp é poder empregar a aplicación de mensaxería en dispositivos que vaian máis aló do seu smartphone, limitación imposta polo sistema de cifrado da aplicación, que funciona de extremo a extremo e, de feito, a única opción que ten actualmente nesta liña é un acceso remoto vía web á aplicación móbil, o que non resulta práctico en moitas ocasións.
Pero este atranco parece estar en vías de solucionarse, e dende WABetaInfo desvelaron en abril que a aplicación de WhatsApp para iPad estaba en pleno desenvolvemento, matizando agora que a aplicación xa está lista, pero non verá a luz oficialmente ata que WhatsApp estree unha característica que permitirá utilizar WhatsApp en varios móbiles á vez.
Temos así que aínda que para algúns o adiamento da aplicación para iPad sexa unha mala nova, que o motivo sexa que están a buscar unha solución xeral para poder empregar WhatsApp en varios dispositivos á vez é unha nova magnífica. Non se coñecen os prazos previstos para tal novidade, pero é indiscutible que será moi ben recibida, xa que actualmente existen moitas solucións para empregar o mesmo número de teléfono en varios dispositivos á vez, pero ao non poder facer o mesmo con WhatsApp en mercados onde o uso de tal aplicación é masivo o uso de solucións como as multiSIM perde bastante o sentido (xa que o dispositivo secundario non podería gozar da mensaxería instantánea).