Pexego presenta espazo de coworking de seu para os nosos profesionais independentes

xoves, 4 de xullo do 2013 Redacción

A empresa galega Pexego, da que temos falado en Código Cero con motivo de recoñecementos varios ao seu labor e de presentacións de tecnoloxías ao servizo do comercio electrónico ou dos procedementos industriais, amosou os días pasados as vantaxes e funcionalidades dun novo espazo de seu: unhas instalacións propias dedicadas a favorecer o traballo colaborativo dos profesionais independentes. Falamos do seu espazo de coworking, dirixido a dar acubillo e resposta a unha tendencia en materia de desenvolvemento que se impón: a das iniciativas ligadas ao concepto freelance, que non precisan dun lugar de traballo concreto e que non teñen horarios fixos.
O que Pexego pon ao servizo destes profesionais é “unha infraestrutura máis competitiva” có domicilio de cada quen, “ademais dun lugar onde separar a vida laboral da persoal, un lugar de traballo que evita o traballar en soidade, que se adapta ás necesidades dos profesionais independentes”
E todo isto ofrecéndolles unha forma de traballar que, en palabras da firma radicada en Lugo, “mellorará a súa imaxe profesional e na que ademais comparten os seus gastos, un ambiente con horarios flexibles e rodeados de xente con inquietudes semellantes, onde se fomenta a colaboración, a comunidade e o networking”.
Entre outras cousas, estes son os equipamentos e servizos que o novo espazo de Pexego pon en xogo, amais da posibilidade de achegar xestión integral de empresar, asesoría e administración contable:
· Posto de traballo en mesa colectiva
· Amplo horario
· Teléfono con extensión propia
· Internet/Wi-Fi
· Calefacción/Aire Acondicionado
· Alarma
· Limpeza
· Recepción de paquetes e documentos
· Posibilidade de establecer o enderezo fiscal
· Acceso a escaner, fax, fotocopiadora...
· Sala de reunións
· Sala de descanso
·Ropeiro
· Zona de fumadores (exterior)