O outubro iniciarase a segunda edición de XEMTE

venres, 7 de agosto do 2015 Redacción

O 15 de outubro comeza a segunda edición do Título Propio da Universidade da Coruña, XEMTE, un punto de encontro entre universidade, empresas e novos talentos. Durante un período de 8 meses unha vintena de docentes (profesionais de recoñecida traxectoria no mundo da empresa e expertos profesores universitarios) porán toda a súa experiencia ao servizo dun grupo de 20 alumnos, baixo un formato docente innovador e eminentemente práctico, que combinará clases nas aulas con mesas redondas, visitas a empresas, resolución de casos reais,...
Cun programa formativo deseñado dende a perspectiva da empresa, XEMTE aposta, ao mesmo tempo, polo alumno (achegando valor engadido á súa formación universitaria, para que sirva como impulso á súa carreira profesional) e pola empresa (poñendo á súa disposición profesionais que non só conten cunha sólida formación académica, senón que saiban aplicala de forma eficiente á realidade empresarial).
Abanca, Altia, Telefónica, Emetel e outras importantes empresas de diferentes sectores (bancario, enerxético, consultoría, tecnoloxía,...) coñecedoras dos retos que afronta o sector empresarial, ven en XEMTE unha panca do cambio para dar resposta ás novas necesidades que se formulan. Por iso, decidiron apoiar a 2ª edición deste curso de especialización en xestión empresarial e tecnoloxía.
Ao longo do posgraduado, as empresas asociadas a XEMTE estarán en contacto cos alumnos, coñecerán a súa evolución en termos de progreso e esforzo e, unha vez finalizado o posgraduado, terán a oportunidade de integrar nos seus equipos a aqueles que mellor se axusten ás súas necesidades.