O creador de La Nevera Roja, convidado á festa do 20 aniversario de AJE-Vigo

xoves, 4 de xuño do 2015 Redacción

A Asociación de Novos Empresarios de Vigo -AJE Vigo- xa ten tras de si vinte anos de traxectoria e actividade. Para conmemoralo, a entidade celebra o 18 de xuño un encontro profesional para avaliar o camiño deixado atrás e, en consecuencia, as transformacións experimentadas polas empresas de Vigo e contorna ao longo do devandito período. O evento, para reforzar o obxectivo de facer repaso e albiscar futuros, contará coa presenza de dous emprendedores vigueses de renome. Un deles é o fundador da web La Nevera Roja, portal referente en España no ámbito da comida a domicilio.
Del Barrio, na súa intervención, fará un percorrido polo seu proxecto e amosará os detalles do seu proceso de medre ata dar cunhas cifras de vendas superiores aos 25 millóns de euros. Tamén falará da compra da empresa por Food Panda, que mercou o portal de raizame galega por 80 millóns de euros.
O evento contará coa presenza de máis empresas orixinarias de Vigo, é o caso Rodman (embarcacións innovadoras de recreo e pesca) e Kaleido (loxística innovadora), impulsadas por Francisco Rivas e Xoán Martínez, respectivamente. Rivas e Martínez estarán no evento do 18 para falar, baixo o epígrafe Liderar unha empresa en Vigo onte e hoxe, das principais diferenzas entre ser un creativo empresarial nos anos noventa e selo na actualidade. Amosarán, en detalle, como evolucionou a contorna socioeconómica, o financiamento, a captación do talento ou a mercadotecnia dixital e a comunicación.