O Plan Único aprobado pola Deputación de Lugo impulsará a eAdministración nos concellos

martes, 26 de febreiro do 2019 Redacción

O Pleno da Deputación aprobou este martes as bases e orzamento do Plan Único 2019 cos votos a favor de PSOE, BNG e PP e co voto en contra do deputado non adscrito. Este apoio practicamente unánime, segundo sinala o Goberno provincial, implicará a inxección de 21 millóns de euros nos 67 concellos da provincia en base á superficie, poboación, taxa de envellecemento e núcleos de poboacionais de cada municipio.
Os devanditos 21 millóns empregaranse en novas obras para instalacións municipais, servizos sociais, emprego, iniciativas turístico-deportivo-sociais, protección e, tamén, no que se coñece como Administración Electrónica (a modernización dos servizos que as entidades públicas achegan á cidadanía, achegando máis eficiencia, rendibilidade, seguridade, comodidade e axilidade).
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, fixo saber que “a aprobación do Plan Único 2019 é a mellor noticia para a provincia, pois achegamos outros 21 millóns para continuar o traballo de impulsar os servizos e prestacións nos concellos, inxectando un total de 73 millóns nos 67 municipios neste mandato só a través do Plan Único”.
No programa aprobado hoxe distribúense os 21 millóns nos 67 municipios en base aos seguintes criterios obxectivos: poboación, superficie, núcleos poboacionais e taxa de envellecemento. Isto supón máximos de 500.000 euros en Lugo, Viveiro, Monforte de Lemos, Vilalba e Sarria, e mínimos duns 200.000 en Negueira de Muñiz, Rábade ou Triacastela.
Nas bases estipúlase que os concellos deberán destinar como mínimo o 50% dos fondos que lles corresponden a investimentos, o que implica que cando menos 10,5 millóns de euros sexan para novas melloras nas instalacións públicas municipais (acondicionamento de accesos, estradas, rúas, instalacións deportivas ou culturais, traídas de auga, alumeados públicos...).
Amais, os gobernos locais terán que dirixir un mínimo de 1,5 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar a persoas non dependentes. Os restantes 9 millóns de euros poderán reservarse para máis obras, máis servizos sociais ou ao financiamento de actividades turísticas, deportivas, culturais, grupos de protección civil ou á devandita Administración Electrónica.