O ITG contribuirá coa súa tecnoloxía á xestión das emerxencias en Galicia
luns, 5 de novembro do 2018
A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e o
Instituto Tecnolóxico Galego (ITG) colaborarán
para o desenvolvemento e innovación dos recursos e sistemas para a xestión das
emerxencias, detalle avanzado nunha reunión celebrada nas instalacións do
Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia entre o xerente
da AXEGA, Marcos Araújo e a directora da Área de Sensórica e Comunicacións do
ITG, Analía López, e o responsable técnico deste departamento, Marco González,
na que se sentaron as bases dun novo marco de cooperación para a posta en
marcha de proxectos e produtos que contribúan a aumentar as posibilidades de
éxito en situacións extremas.
Durante o encontro, Marcos Araújo recordou que
a AXEGA foi a primeira entidade a nivel nacional que comezou a usar os drons en
servizos de emerxencias, polo que esta experiencia pode ser de moita axuda para
o estudo e desenvolvemento de novos sistemas de aplicación na xestión das
emerxencias. Deste xeito, comprometeuse a pór aos servizo dos arquitectos e
enxeñeiros do Instituto a tecnoloxía e o material necesario para facer as
probas e ensaios que certifiquen a funcionalidade dos futuros produtos e
proxectos.
Do mesmo xeito, a directora da Área de
Sensórica e Comunicacións destacou o traballo realizado no seo do ITG para o
desenvolvemento da intelixencia artificial e software aplicable á xestión
operativa de drons, de forma que existen importantes sinerxías entre ambos os
dous organismos que cómpre aproveitar en beneficio da innovación tecnolóxica
nas emerxencias.
