O Concello de Vigo instala 15 novos mupis dixitais con información de interese para a cidadanía

martes, 9 de xuño do 2026 S. P.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou onte os novos soportes informativos dixitais instalados en quince zonas da cidade que emiten, de forma constante, datos das distintas iniciativas municipais.
Abel Caballero, que estivo acompañado da primeira tenente de alcalde e as concelleiras de Turismo e de Emprego, explicou que o obxectivo da instalación e ampliación da rede de soportes dixitais é “mellorar a sinalización da cidade, así como facilitar información permanentemente”.
Anunciou tamén que dende o Consistorio ampliarase a información proporcionada nos mupis, xa que á programación cultural que se facilita na actualidade vai ir sumándose información sobre a actualidade da cidade. Un total de 12 dos 15 soportes serán tótems de dobre cara con pantalla táctil. O resto contarán con formato monoposte con 2,5 metros de altura.
O rexedor destacou que os 700.000 euros investidos proceden de fondos achegados polo Goberno de España, nunha asignación coa que tamén se financiaron as obras do túnel e de mellora da fortaleza do Castro, entre outras accións.
Respecto dos emprazamentos, ao abeiro deste proxecto instaláronse tres monopostes de 2,5 de alto e pantalla de 200 por 100 centímetros en Verbum-Samil, na rúa Príncipe á altura do MARCO e no Estadio de Balaídos. Os doce tótems de 220 por 80 centímetros están nas seguintes localizacións: praza da Estación (Vialia), estación de Guixar, praza da Independencia, Cánovas del Castillo, Baixada á Fonte, a Porta do Sol, a rúa Uruguai, a Gran Vía – rúa Honduras, praza Compostela – Concepción Arenal, Navia (contorna do Máis que Auga), a praza de América cara a avenida de Florida e Torrecedeira – ascensor Parque Camilo José Cela.