O CiTIUS loce potencial industrial na súa xornada Inside the Lab deste venres

mércores, 6 de xullo do 2016 Redacción

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela) acolle este venres 8 de xullo a segunda Edición da Xornada de Demostración Tecnolóxica Inside the Lab, unha actividade dirixida a amosar tecnoloxías impulsadas e desenvolvidas no propio centro e co obxectivo de expoñer as súas aplicacións e potencialidades en múltiples eidos empresariais e industriais. O evento, que se celebra de 10.00 a 14.00 horas, permitirá aos participantes acceder libremente a calquera dos 18 puntos de información artellados na sede do CiTIUS para tal ocasión. Neles, os investigadores responsables dos desenvolvementos amosarán polo miúdo os usos e vantaxes de cadansúas solucións.
Segundo avanza o centro compostelán, entre os demostradores dispoñibles inclúense sistemas para o autocoidado e mellora da adherencia á medicación, o seguimento do tráfico mediante visión por computador ou ferramentas para a predición dos gustos do consumidor, así como tecnoloxías para a localización e reconstrución de escenas 3D e a análise do territorio mediante imaxes hiperespectrais. Trátase, sinala o CiTIUS, “dunha ampla gama de resultados con aplicación en múltiples ámbitos, escollidos minuciosamente co propósito de cubrir distintas necesidades do sector empresarial”.
O encontro contará tamén coa presenza de dúas das spin-off creadas por investigadores do CiTIUS. Por unha banda Situm, que centra a súa actividade no desenvolvemento de tecnoloxías de xeoposicionamento en interiores e pola outra Imagames, empresa orientada ao desenvolvemento de solucións de gamificación en diversas contornas, como a formación de empregados e estudantes ou a mercadotecnia dixital.
A participación nesta xornada é de balde e require inscrición previa a través da web do evento, ata o xoves 7 de xullo.