O Campus de Ourense amosou como debe ser un destino turístico smart

luns, 23 de novembro do 2015 Redacción

O pasado venres celebrouse na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense unha conferencia sobre as novas formas que está adoptar o sector turístico ao abeiro do espallamento das novas ferramentas tecnolóxico-sociais. A sesión veu da man do decano da Facultade de Turismo da Universidade de Málaga, Antono Jesús Guevara, que amosou en detalle estes novos modelos de xestión “nos que as novas tecnoloxías da información mudan nunha ferramenta fundamental”.
Presentado por José Antonio Fraiz, director do Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde, Guevara Plaza explicou aos asistentes á conferencia “a arquitectura e os procedementos que desde un punto de vista tecnolóxicos debe ter un sistema de xestión de destino intelixente, xa sexa dunha cidade ou dunha zona”. Estes sistemas, dixo, “deben integrar un sistema territorial e turístico integrado, poñendo en comunicación a todas as empresas, produtos e actividades e a todos os potenciais turistas con esta oferta”. E engadiu: “A cuestión fundamental é que estamos ante un cambio de modelo na comercialización turística a través de Internet”, apuntou.
Sobre como deben ser estas propostas turísticas smart, Guevara subliñou que unha web desta índole constitúe un escaparate para un destino ou unha empresa turística “pero ten que ter detrás de si un sistema de xestión que integre toda a información e servizos dun xeito intercomunicado, non estanco”. Como exemplo do desenvolvemento, implantanción e éxito deste tipo de xestión, o docente expuxo aos asistentes o caso de Qualifica, un proxecto desenvolvido na zona da Costa do Sol no que participan o Goberno central, o andaluz e os concellos da zona e que permite a calquera usuario planificar e xestionar todos os detalles da súa viaxe por ese enclave.
A longo da súa estadía no Campus o profesor tivo tempo para dar conta dos estudos turísticos que se imparten na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, especialmente para o Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde do que, salientou, “é un referente estatal” en turismo de interior e de saúde, destacando a súa participación na Rede Intur.