O CITIC presentou un traballo no congreso referencial europeo de Intelixencia Artificial: o ECAI

martes, 15 de setembro do 2020 Redacción

Investigadores do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o CITIC, participaron na máis prestixiosa actividade europea arredor dos sistemas tecnolóxicos con alta capacidade de análise e aprendizaxe: a ECAI 2020 (24th European Conference on Artificial Intelligence), que este ano veu con formato en liña e que se desenvolveu entre o 29 de agosto e o 8 de setembro da man do CITIUS da USC.
Neste marco referencial acudiron, por parte do CITIC, os investigadores José Morano Sánchez, Álvaro Suárez Hervella, Noelia Barreira Rodríguez, Jorge Novo Buján e José Rouco Maseda. No ECAI 2020 presentaron o seu traballo Multimodal Transfer Learning-based Approaches for Retinal Vascular Segmentation.
Trátase dunha investigación centrada na imaxe médica oftalmológica a través da cal extráese a árbore arterio-venosa dunha maneira innovadora ao explotar modelos de xeración de imaxe de anxiografía de fondo de ollo a partir de retinografía usando e estudando diferentes arquitecturas de aprendizaxe profunda (Deep Learning). Esta contribución tecnolóxica parte do resultado do traballo fin de grao do investigador do investigador do CITIC José Morano Sánchez, quen realizou a presentación oral no congreso.

PUBLICIDADE