O CITIC, no comité organizador do gran evento da tempada en materia de Machine Learning
martes, 19 de setembro do 2017
O
Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña é
unha das entidades impulsoras da segunda edición do Machine
Learning Workshop Galicia, organizado polo centro CiTIUS en
Santiago de Compostela co obxectivo de tender unha ponte de
referencia entre a industria e a comunidade investigadora arredor da
intelixencia artificial e, dentro desta, do ámbito de todos aqueles
recursos e tecnoloxías que fan posible que as máquinas entendan,
aprendan e tiren conclusións. A
cita será o 19 de outubro e nela, o CITIC participará como membro
do comité organizador.
Segundo
nos lembra o centro da Universidade da Coruña, durante o evento
mostraranse proxectos, resultados e experiencias das universidades,
centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas de
Galicia asociados ao uso do Machine Learning (ML). O obxectivo
é “identificar as posibilidades destas tecnoloxías nos sectores
referentes de Galicia, as necesidades de infraestruturas de
computación e as posibles sinerxías”.
Como
dixemos, o desenvolvemento do encontro virá da man do CiTIUS,
apoiándose nunha equipa organizadora integrada polo CITIC, o Centro
de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o centro AtlantTIC da
Universidade de Vigo. Tamén se contará coa colaboración da
Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a
Universidade de Vigo, o Clúster TIC de Galicia e a Rede Galega de
Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC – R2016/045. Polo que
respecta ao comité científico do evento, estará integrado, entre
outros, por Ricardo Cao, investigador do CITIC da área de Ciencia de
Datos e Información.
Segundo
recorda o centro da Universidade da Coruña ao fío dos temas
principais que se van tratar no evento, o emprego das tecnoloxías
Machine Learning (ML) é hoxe en día un dos principais eidos
de investigación do noso tecido innovador, público, privado e
semi-público, logo de terse consolidado xa como fonte dunha ampla
gama de aplicacións. Aplicacións como por exemplo sistemas de
procura, ferramentas de análise de textos e de análises de redes
sociais, sistemas de recoñecemento de obxectos e facianas, recursos
para o procesado do ADN, ferramentas para o recoñecemento da fala,
para a analítica de datos médicos, para a mellora e optimización
dos sistemas de produción na industria, aplicacións de analítica
para intelixencia de negocio, etc...
“Con
todo e malia todos os beneficios do ML para a sociedade e para
industria”, sinala o CITIC, “o seu potencial máximo está aínda
por explotar, polo que existe un futuro cheo de novos retos e
oportunidades”.
