O CITIC da UDC achega a astronomía inclusiva á Coruña cun programa sobre a eclipse solar

luns, 8 de xuño do 2026 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS, organizou a pasada semana unhas xornadas de divulgación científica dirixidas ás persoas usuarias do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade da Coruña (CAPD), co obxectivo de achegarlles o coñecemento do Sol, da Lúa e do fenómeno das eclipses solares dun xeito aberto, participativo e adaptado ás súas necesidades.
A iniciativa desenvolveuse a pasada semana a través de diferentes actividades prácticas e divulgativas que permitiron ás persoas participantes comprender mellor os fenómenos astronómicos e prepararse para a eclipse total de sol prevista para o vindeiro 12 de agosto, en palabras do CITIC “un acontecemento excepcional que poderá observarse desde distintos puntos da Península Ibérica”.
As xornadas comezaron cunha charla divulgativa na que se abordaron conceptos básicos relacionados co Sol, a Lúa e os movementos dos corpos celestes. A través dunha conversa dinámica e participativa, as persoas asistentes descubriron como se producen as eclipses solares e por que constitúen un dos fenómenos máis espectaculares da astronomía.
Logo organizadores e asistentes botaron man dunhas lentes de realidade virtual para ofrecer unha experiencia interactiva que permitiu recrear de forma realista a eclipse do próximo mes de agosto. Así, as persoas participantes puideron experimentar en primeira persoa as diferentes fases do fenómeno e comprender mellor os cambios que se producen no ceo durante unha eclipse total.
Outra das actividades desenvolvidas foi un obradoiro de construción de caixas estenopeicas, un método sinxelo e seguro para observar unha eclipse mediante a proxección indirecta da imaxe do Sol. Durante a sesión, as persoas usuarias elaboraron os seus propios dispositivos utilizando materiais de cartón e aprenderon a importancia de empregar sistemas de observación seguros para protexer a visión.
O programa completarase nas vindeiras semanas cunha observación solar ao aire libre, prevista para unha xornada de ceo despexado durante o mes de xuño. Nesta actividade utilizarase o telescopio solar do CITIC, que permitirá observar con total seguridade diferentes detalles da superficie solar e achegarse de forma directa á investigación astronómica.
Para o investigador do CITIC Xabier Pérez Couto, responsable da actividade, “a astronomía ten unha capacidade extraordinaria para espertar a curiosidade e o interese pola ciencia. A través de iniciativas como esta buscamos que todas as persoas poidan participar e gozar do coñecemento científico, demostrando que a divulgación pode e debe ser inclusiva. Ademais, ferramentas como a realidade virtual permiten crear experiencias sen barreiras que achegan fenómenos complexos dun xeito visual, comprensible e motivador”.
A actividade contou tamén coa colaboración de persoal do centro, entre o que se atopan Clara Valle, Ángel Regueiro e Andrija Zupic, que apoiaron o desenvolvemento das distintas sesións e contribuíron á súa adaptación e dinamización.
As xornadas forman parte das accións de divulgación científica que o CITIC da Universidade da Coruña desenvolve de maneira continuada para fomentar a cultura científica e tecnolóxica na sociedade.