O CESGA, premiado na nova edición dos Galegos do Ano

martes, 5 de novembro do 2013 Redacción

O director do Centro de Supercomputación de Galicia, Javier García Tobío

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), arestora mergullado na celebración dos seus vinte anos de actividade (achegando recursos informáticos e tecnoloxía de cálculo avanzado para institucións, centros de investigación e empresas de toda a nosa terra e a nosa contorna), vén de ser recoñecido polo Grupo Correo Gallego nos seus premios Galegos do Ano, que chegan tamén a unha data conmemorable: os seus 25 anos de vida. O galardón ao CESGA, outorgado o pasado mes de outubro, vai dirixido a recoñecer as dúas décadas de servizo á comunidade investigadora galega e ao Consello Superior de Investigación Científicas (CSIC), ao que cómpre engadir a súa participación en máis de 170 proxectos de I+D que mobilizaron 532,7 millóns de euros.
Segundo lembra o Grupo, o Centro de Supercomputación ten dado múltiples mostras de compromiso coa I+D da nosa terra, amais de establecer unha chea de ligazóns colaborativas con proxectos de investigación e de formación e divulgación tecnolóxica de toda a contorna europea. A día de hoxe, o Grupo lembra que unha das grandes prioridades do CESGA é apoiar a modernización do tecido produtivo galego, promovendo a transferencia de resultados dende o ámbito da investigación ao da industria.
Segundo fixo saber o director do centro, Javier García Tobío, con motivo desta distinción da empresa editorial compostelá, entre os principais éxitos do CESGA ao longo das súas dúas décadas de actividade atópanse a prestación de servizos de calidade aos usuarios e a participación en múltiples proxectos baseados na interdisciplinariedade científica e tecnolóxica, “o que nos permitiu estar en grandes proxectos internacionais coma a European Grid Infraestructure, integrada por máis de 350 institucións de I+D+i dos cinco continentes”. Entre os retos a afrontar a curto e medio prazo, García Tobío sinala que cómpre destacar os de “manter actualizadas as infraestruturas, potenciar o uso das ferramentas de cálculo de altas prestacións na industria e nas administracións, incrementar a presenza internacional e incrementar a sustentabilidade, entre outros”.