O CDTIC amosa dende Vigo as posibilidades de WordPress e WooCommerce para mantermos unha tenda en liña

mércores, 8 de febreiro do 2017 Redacción

Este xoves 9 de febreiro temos novamente no Centro Demostrador TIC unha cita coas tecnoloxías máis avanzadas e de meirande utilidade para os nosos procesos empresariais e de mercado. Desta volta agárdanos unha sesión práctica sobre como xestionarmos un establecemento dixital de vendas empregando o sistema libre de xestión de blogs WordPress e a súa aplicación WooCommerce, tamén open source e de balde. A cita Xestiona o teu negocio en liña con WooCommerce e WordPress terá lugar na aula CeMIT de Vigo en horario de 16.15 a 19.15 horas. O obxectivo: amosarnos as vantaxes que ofrece a dita aplicación para xestionar as vendas en liña fronte a outras ferramentas, así como inicialas nas funcións principais da aplicación.
Ao longo da sesión ofreceranse indicacións sobre a súa instalación, sobre a xestión de produtos, sobre os módulos de envío ou sobre os métodos de pagamento, entre outros aspectos. Segundo sinala a axencia AMTEGA, que é de quen depende o Centro Demostrador TIC, a sesión está destinada sobre todo a pequenas empresas, autónomos e comerciantes “que queiran manexar de forma individual o seu catálogo de produtos en internet”. Encargarase de impartila a firma Hacce Conversion & Design, empresa especializada en desenvolvementos web de comercio electrónico e presenza en liña, e deseño de interacción.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.