Instagram desenfocará os contidos sensibles

venres, 24 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Non só Twitter e Facebook están a tomar medidas para facer que os seus espazos en liña sexan seguros para os seus usuarios, e Instagram tamén entrou en tal loita con medidas como permitir activar a autenticación en dous pasos (dificultando así o roubo na nosa conta de usuario) e agora tamén activaron unha medida que agocha contidos sensibles da meirande parte das miradas, de xeito que as imaxes e vídeos que algún usuario denunciase, tras comprobarse polo equipo de Instagram poderá etiquetarse como sensible, de xeito que aparecerá borroso, de xeito que será precisa unha interacción do usuario para amosalo, evitando así que levemos desagradables sorpresas.
Esta medida parece máis razoable que censurar os contidos dun xeito tan radical e polémico como o de Facebook (que tiveron moitas queixas por eliminar imaxes de obras de arte ou fotografías de nais aleitando aos seus fillos, mentres que, por outra banda, non teñen problemas con certas clases de violencia), xa que non se eliminan os contidos que poden ofender a un reducido grupo de usuarios, senón que deixan á discreción do usuario final a visualización das imaxes e vídeos que superen certos lindes sen chegar a considerarse ilegais ou incumprir as condicións do servizo.