InnoBAN organiza en Vigo un obradoiro de Elevator Pitch

martes, 6 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Captar o interese de investidores mediante unha breve presentación supón todo un reto para o que é preciso prepararse, de aí que a rede de business angels para a innovación InnoBAN organice para o vindeiro 15 de novembro ás 10 horas no Gran Hotel Nagari Boutique & SPA de Vigo un obradoiro de Elevator Pitch, que durante 2 horas pretende impartir formación teórico-práctica precisa para captar o interese dun investidor por un proxecto nun encontro de só 30 segundos.
Esta actividade está dirixida a emprendedores que buscan investidores, a axentes de emprego e a consultores e outras persoas interesadas no financiamento de proxectos emprendedores con alto potencial de crecemento. Os interesados en asistir deberán aboar 300 euros de seren consultores e 90 euros no caso de emprendedores.
O encargado de impartir este obradoiro é Luís Fernández, coordinador de InnoBAN, que no presente ano xa impartiu 5 obradoiros de presentación de proxectos a investidores e participou na primeira fase do proxecto europeo Ready for Equity.