Gradiant achega in2it, a solución definitiva para o eLearning
venres, 18 de marzo do 2016
O centro tecnolóxico
Gradiant, con sede en Vigo, está estes días presentado unha nova
solución moi axeitada para impulsar o ensino a distancia botando man
das tecnoloxías da comunicación. Ou sexa, para afianzar a práctica
do eLearning. Estamos
a falar de in2it, unha achega que se dirixe, en boa medida, a
impulsar a substitución do caderno que levan os mestres na aula polo
seu igual electrónico. Con in2it, informa o centro, farase
seguimento continuo do desempeño dos alumnos en tempo real, creando
reportes automáticos. Ao rematar a clase, in2it achegará ao docente
un informe de todo o acontecido ao longo do período lectivo, polo
que o profesor ou profesora non terá que perder tempo en facer isto
a man.
O único que terá que
levar a cabo o profesional da educación “será reflexionar sobre o
acontecido durante a xornada”, sinalan fontes do centro tecnolóxico
vigués, engadindo que in2it é unha ferramenta “que achega a
información precisa para tomar as decisións máis axeitadas sobre
como mellorar o desempeño do alumnado”. E todo isto grazas ao
desenvolvemento de Gradiant no eido do Learning Analytics.
De falarmos de vantaxes
concretas de in2it, cumpriría sinalar que é compatible coa
especificación xAPI (Tin Can API), que revisa o proceso de
aprendizaxe de cada alumno e xera métricas en tempo real; dotando
aos contidos da capacidade de informar sobre como son consumidos e
achegando unha API para crear produtos intelixentes e con capacidade
de adaptación a diferentes contornas.
A solución in2it tamén
foi concibida para editoriais, pois dá información en tempo real de
como os usuarios consumen os seus contidos. Ademais, ten contidos
adaptativos, detecta erros de deseño e problemas comúns cos
contidos; amais de ter unha sinxela integración grazas á súa
compatibilidade co estándar xAPI.
En canto ao uso de in2it
para docentes, é preciso sinalar que este achega información en
tempo real dos problemas do alumnado, analiza a evolución dos seus
estudantes e clasifica aos estudantes e alerta perante situacións de
risco.
