Google avanza cara un futuro sen contrasinais

mércores, 3 de maio do 2023 Marcus Fernández

Dada a complexidade que supón a administración e uso de contrasinais seguros dende a industria tecnolóxica están a avanzar cara a un futuro sen contrasinais mediante o uso de solucións como as passkeys ou claves de acceso, que vén de instaurarse en Google de xeito que cando queiramos iniciar sesión de xeito seguro nunha conta da compañía de Mountain View poderemos empregar as nosas impresións dixitais, o recoñecemento facial, o bloqueo de pantalla do móbil ou unha chave de seguridade física, facendo moi máis áxil o noso acceso dende dispositivos que sexan nosos.
Esta tecnoloxía pretende evitar a frustración de non ser quen de lembrar unha chea de contrasinais ou o risco de que os nosos contrasinais rematen en malas mans, e co uso da tecnoloxía de passkey non temos que lembrar contrasinais nin preguntas de seguridade, senón que poderemos tirar proveito das tecnoloxías que protexen de accesos indebidos o noso smartphone como medida de seguridade para acceder ás nosas contas, o que resulta bastante máis seguro que, por exemplo, mecanismos que permiten que recuperemos un contrasinal a través dunha mensaxe de texto no móbil (o que pode considerarse como unha vulnerabilidade altamente explotada grazas ás facilidades existentes para poder pedir un duplicado dunha tarxeta SIM sen o noso consentimento mediante prácticas de enxeñaría social).
Esta nova tecnoloxía está a espallarse en Chrome, Android e servizos como PayPal e Shopify, de xeito que confíase en que nos vindeiros anos poida popularizarse tanto como para converterse na forma máis habitual de identificación e que así sexa posible un futuro sen contrasinais.