Foxconn presentará un dispositivo con Firefox OS o vindeiro luns

martes, 28 de maio do 2013 Marcus Fernández

Firefox OS nun móbil destinado a desenvolvedores

O sistema operativo móbil Firefox OS, que xa conta con móbiles para desenvolvedores, está a preparar o seu lanzamento comercial, e cada vez sáenlle máis socios para tal aventura, o que o vindeiro luns vai facerse visible a través dunha presentación en Taiwan, na que Hon Hai Precision Industry Co. (compañía taiwanesa tamén coñecida como Foxconn Technology Group, un dos principais fabricantes do iPhone de Apple) vai amosar un produto que correrá co sistema operativo de Mozilla.
Aínda que podemos pensar que o dispositivo que amosarán con Firefox OS será un smartphone, coméntase que podería ser un tablet, o que sería toda unha sorpresa, pois ata o momento só estabamos a ver a proposta de Firefox OS como unha alternativa a Android, con terminais móbiles máis económicos e un desenvolvemento de aplicacións baseado en tecnoloxías web (o que faríano máis accesible e libre).
Dende o The Wall Street Journal apuntan que con esta nova liña de produtos Hon Hai buscaría diversificar, paliando así a incidencia da redución da fabricación de dispositivos para Apple, e podendo chegar a levar á empresa taiwanesa a abranguer novas áreas de negocio, como os contidos e o software, en vez de limitarse á fabricación de electrónica de consumo.