Saen á venda os primeiros móbiles para desenvolvedores con Firefox OS

martes, 23 de abril do 2013 Marcus Fernández

No verán agárdase a chegada ao mercado dos primeiros móbiles con Firefox OS, pero falamos dos terminais dirixidos a un público xeral, porque os destinados a desenvolvedores estréanse hoxe mesmo, xa que Geeksphone vén de abrir a súa tenda en liña para permitir que os programadores que desexen crear aplicacións para estes dispositivos baseados en HTML5 poidan comezar a traballar con dispositivos reais.
Os primeiros móbiles á venda son Keon e Peak, con prezos de 91 e 149 euros + IVE respectivamente, que comezan co primeiro xa esgotado, aínda que é de agardar que poidan atoparse terminais á venda de xeito sostido, pois Geeksphone pode producir uns 5.000 dispositivos ao día, o que debería ser dabondo para estes dispositivos destinados a un público moi reducido.

Os móbiles con Firefox OS para desenvolvedores xa son unha realidade

O Keon é un smartphone bastante básico, cunha pantalla de 3,5 polgadas cunha resolución de 480 x 360 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon S1 7225AB a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria), Bluetooth 2.1, Wi-Fi N, radio FM, cámara de 3 Mpíxeles e batería de 1.580 mAh, que busca ser lixeiro e versátil, e que marcaría un punto de entrada para o desenvolvemento no sistema operativo libre de Mozilla.
Pola súa banda, Peek é un móbil máis avanzado, que xa conta cunha pantalla IPS de 4,3 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon S4 8225 de dobre núcleo a 1,2 GHz, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria microSD), Bluetooth 2.1, Wi-Fi N, radio FM, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles e batería de 1.800 mAh, que sería moi semellante aos móbiles con Android que están a popularizarse no mercado dentro dunha gama media-baixa.
Con Firefox OS búscase crear unha plataforma móbil lixeira e libre, que aproveite as bondades do desenvolvemento baseado en estándares web e que, entre outras cousas, facilite a democratización dos smartphones e, de feito, os primeiros países nos que desembarcarán os móbiles de consumo con este sistema operativo serán dos considerados emerxentes (como Brasil, Colombia, Hungría, México, Montenegro, Polonia, Serbia e Venezuela) aos que únese España polo mero feito de que Geeksphone e Telefónica son empresas establecidas no noso territorio. Aparte do operador español, Firefox OS tamén conta co apoio de compañías como Deutsche Telekom, Sprint, KT, China Unicom, América Móvil, SingTel, Telenor e Telecom Italia Group.

PUBLICIDADE