Samsung promete máis anos de actualizacións para os seus televisores

martes, 27 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Unha das grandes queixas dos consumidores sobre os Smart TV é o feito de que os fabricantes tenden a deixalos esquecidos, de xeito que a poucos anos de adquirilos xa non reciben actualizacións e, en consecuencia, deixan de ser compatibles con importantes aplicacións, levando a ter que actualizar o televisor ou a adquirir un accesorio como un Chromecast ou un Fire TV Stick para ampliar a vida do produto.
Non parecía que os grandes fabricantes estivesen a ter moito interese por corrixir tal eiva, até agora, pois ante o incremento da competencia que chega dende China, o fabricante coreano Samsung anunciou que os seus televisores con funcións de IA recibirán 7 anos de actualizacións de software de balde para o seu sistema operativo Tizen, dun xeito semellante ao que acontece cos smartphones da familia Galaxy S24.
Esta iniciativa presentada por Yoon Seok-woo pretende proxectar unha maior confianza nos televisores de Samsung, e que así poidan evitar que os televisores chineses (de marcas como TCL e Hisense) continúen a arrebatarlles mercado.