Defensa cede o edificio da Fábrica de Armas á Universidade da Coruña

martes, 18 de febreiro do 2020 Redacción

O reitor, Julio Abalde, asinou esta mañá na Delegación do Goberno a acta de cesión do edificio da Fábrica de Armas do Ministerio de Defensa á Universidade da Coruña co secretario de Estado de Defensa, Ángel Olivares, nun acto presidido polo Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada. Para o reitor «hoxe é un día de alegría para Galicia e que vai marcar un antes e un despois na Universidade da Coruña».
O reitor sinalou que o acto de sinatura da cesión das instalacións da Fábrica de Armas é «o inicio dunha oportunidade para que a UDC poida dar un salto cualitativo» e reafirmou na responsabilidade da Universidade da Coruña coa sociedade, que motiva a presentación de proxectos que sexan de aproveitamento coa aportación de innovación e investigación ao tecido produtivo de Galicia.
O secretario de Estado de Defensa salientou que do uso que terán estas instalacións, coa aportación e desenvolvemento de coñecemento e tecnoloxía, poderán aproveitarse tamén as Forzas Armadas, polo que «este proxecto pilotado pola Universidade da Coruña beneficiará tamén á defensa do país». Olivares lembrou que Defensa é o maior propietario de solo de España e a xestión deste patrimonio está ao servizo da sociedade.
A Universidade da Coruña logo de asinar a acta de cesión ten un prazo duns días para que se faga efectiva a acta de entrega, momento en que a UDC terá a concesión das instalacións por un período de 25 anos prorrogables por outros 25.
No acto, celebrado na Delegación de Defensa, estaban a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o Delegado de Defensa na Coruña, Antonio Bernal, a Subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López Riobóo, o director Xeral do Igape, Juan Cividanes, o concelleiro de Urbanismo da Coruña, Juan Villoslada, o voceiro do Goberno Municipal, José Manuel Lage Tuñas, o presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, Antonio Abril, o presidente do Cluster TIC, Antonio Rodríguez del Corral, o vicerreitor de Profesorado e Planificación Docente da UDC, Alberto Valderruten, o secretario Xeral da UDC, Carlos Aymerich, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Domingo Calvo, o director do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación, Manuel González, a Comisionada do reitor para o proxecto Cidade das TIC, Amparo Alonso, o xefe do Estado Maior da Forza Loxística Operativa, Alfredo Pérez, o secretario Xeral da Delegación do Goberno, Alberto de la Fuente, e os extraballadores da Fábrica de Armas Roberto Teijido e José Carrillo.

PUBLICIDADE