Carmen Cotelo Queijo toma posesión como directora da Axencia Galega de Innovación
venres, 26 de abril do 2024
Esta mañá Carmen Cotelo Queijo tomou posesión do cargo de directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) dentro do organigrama da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, comprometéndose a traballar para aproveitar “todo o potencial de talento e coñecemento” que existe para posicionar a Galicia “como un referente de I+D+i”.
GAIN intégrase en Educación
Nesta nova lexislatura que acaba de comezar, o titular de Educación, Román Rodríguez, expresou que o seu departamento vai traballar para reforzar a cooperación entre o eido educativo e o empresarial co fin de avanzar no coñecemento aplicado á mellora social “buscando ser útiles para á ciencia, á investigación, aos sectores produtivos, á sociedade e, en definitiva, a Galicia”. Tamén aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo desenvolvido ata o de agora á fronte da Axencia por Patricia Argerey -presente no acto- e o seu equipo, polo traballo levado a cabo nos últimos anos.
A nova directora da Axencia Galega de Innovación
Carmen Cotelo Queijo é licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, na que tamén obtivo o doutorado na área de Computación. Iniciou a súa traxectoria profesional no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) no ano 1999, onde desenvolveu actividades de carácter científico, técnico e de xestión, principalmente no marco de proxectos de I+D+i rexionais, estatais e europeos.
En 2018 incorporouse á Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) para traballar na área de Innovación e Programas Europeos, da que foi directora adxunta, colaborando estreitamente coas Universidades, Centros Tecnolóxicos, empresas e organismos públicos, galegos e de toda Europa para a captación de financiación pública e o desenvolvemento de estratexias. Neste contexto, contribuíu á formación de máis 200 consorcios e ao desenvolvemento de máis de 30 proxectos de I+D+i europeos.
Desde 2023 desempeñou o cargo de directora de innovación no Centro Internacional de Cuántica de Fujitsu, traballando no establecemento de colaboracións a nivel galego, español e europeo, co obxectivo de posicionar a Galicia como un referente en computación cuántica e acelerar a adopción destas tecnoloxías mediante a colaboración público-privada.